A Tradescola reproduce un folión polas rúas de Lugo
A Tradescola reproduce un folión polas rúas de Lugo
Non faltaron bombos, chocas nin cores.
Representación do entroido máis tradicional
Resoan bombos e tambores, bailan as chocas e o colorido das flores e as cintas desfilan polas rúas de Lugo dándolle a benvida ao Entroido cunha celebración das tradicionais. Resoan toques típicos de concellos coma Viana do Bolo ou Vilariño de Conso da man da Escola de Música Tradicional Galega.
Xabier Iglesias, mestre de baile da Tradescola: "O que traballamos na clase é falarlles do Entroido tradicional e aquí poñemos en práctica cousas como os saltos dos boteiros as danzas de Entroido, e isto é como unha clase práctica".
Estes particulares boteiros e as súas danzas sorprenderon e amenizaron a xornada dos veciños, ao tempo que amosan como grazas a eles segue vivo o espírito do Entroido máis tradicional.
Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola: "Amosar a nosa cultura tradicional e que toda a xente goce dela, que xa temos gana dun pouco de alegría, e amosar tamén a nivel cultural que hai outro tipo de entroidos que van máis alá de disfrazarse dos seus personaxes favoritos, e poder gozar tamén cun tipo de Entroido tradicional".
Rematou a conta atrás e o folión marca o inicio do Entroido.