Macron convoca unha nova reunión sobre Ucraína e a UE pacta novas sancións a Rusia
Á xuntanza convocada polo presidente francés, desta volta por videoconferencia, están chamados líderes de "varios Estados europeos e non europeos"
O enviado especial de Donald Trump para Ucraína chega a Kíiv para "escoitalos e ver cales son as súas preocupacións"

Mentres Rusia e os Estados Unidos aceleran na busca dun acordo sobre Ucraína, sen participación europea, e con Ucraína á expectativa, a Unión Europea e os seus líderes dan pasos en paralelo buscando o seu lugar.
O presidente francés, Emmanuel Macron, organiza este mércores unha nova reunión de crise sobre Ucraína tras a do luns, esta vez por vídeoconferencia, para analizar a situación unha vez que se produciu un primeiro encontro público e físico entre responsables dos Estados Unidos e de Rusia.
En espera de que se coñezan todos os participantes desta videoconferencia, Macron simplemente indicou nunha entrevista á prensa rexional francesa que se vai facer "con varios Estados europeos e non europeos" e que nos próximos días falaría cos líderes do conxunto dos 27 países da Unión Europea.
O presidente francés falou este martes con Donald Trump tras o encontro en Riad dunha delegación estadounidense encabezada polo seu secretario de Estado, Marco Rubio, e outra rusa encabezada polo seu ministro de Exteriores, Serguéi Lavrov.
Fíxoo para insistir unha vez máis en que "a preocupación de todos é que un simple cesamento do fogo non resolverá para nada o conflito" e a proba é o antecedente dos acordos de Minsk fai dez anos entre Moscova e Kíiv, apadriñados en particular por Francia e Alemaña que "Rusia non respectou".
Aínda que Macron recoñece que os movementos de Trump poden "reiniciar un diálogo útil" co presidente ruso, Vladimir Putin, insiste en que a mensaxe ao inquilino da Casa Branca é que "unha paz duradeira non pode negociarse sen Ucraína" e que os europeos, que desde o comezo da guerra apoiaron a Kíiv económica e militarmente, deben estar tamén implicados.
Novas sancións da UE a Rusia
Os países da Unión Europea (UE) chegaron este mércores a un acordo político sobre un novo paquete de sancións contra Rusia, que será aprobado formalmente o luns con ocasión do terceiro aniversario da invasión de Ucraína.
As novas sancións inclúen máis medidas contra os buques da chamada “frota pantasma” rusa que axudan a que Moscova esquive as sancións ao seu petróleo, así como a prohibición de importar aluminio de Rusia e de exportarlle servizos de refinería de cru e gas, informaron varias fontes diplomáticas.
Trátase do décimo sexto paquete de sancións da UE contra Rusia desde o inicio da guerra, e os ministros de Exteriores comunitarios prevén aprobalo formalmente o vindeiro luns. Nesta ocasión, as medidas restritivas europeas contemplan a prohibición de transaccións con once portos e aeroportos de Rusia para evitar a elusión do tope ao prezo do petróleo ruso e outras sancións impostas pola UE.
Tamén a exclusión do sistema bancario internacional Swift de trece bancos e a prohibición de realizar transaccións financeiras con outras tres institucións.
O enviado especial de Trump para Ucraína chega a Kíiv
O enviado especial do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para Ucraína, Keith Kellogg, chegou este mércores a Kíiv.
A visita prodúcese un día despois desa reunión entre delegacións rusas e estadounidenses, sen participación ucraína. Kellogg dixo á súa chegada que a súa visita ten como principal obxectivo escoitar aos ucraínos e transmitir as súas preocupacións á Casa Branca.
"Entendemos a necesidade de que haxa garantías de seguridade e a importancia da soberanía para esta nación. Unha parte da miña misión é escoitalos e ver cales son as súas preocupacións", dixo nun vídeo colgado en medios ucraínos.
O enviado de Trump a Ucraína xa reuniuse previamente co presidente Volodimir Zelenski e outros altos funcionarios ucraínos durante a Conferencia de Seguridade de Múnic para discutir a guerra e o memorando proposto polos Estados Unidos sobre as terras raras ucraínas.
O enviado especial do presidente dos EUA para Ucraína non participou nas conversacións en Arabia Saudita. Algúns expertos atribúen isto ás inclinacións proucranianas de Kellogg e ás supostas obxeccións de Rusia cara a el, segundo medios ucraínos.
O Kremlin considera a reunión de Riad un "importante paso" para o arranxo en Ucraína
O Kremlin cualificou este mércores a reunión de onte en Riad entre representantes de Rusia e os Estados Unidos como un "importante paso" para o arranxo pacífico en Ucraína.
"Deuse un paso moi, moi importante cara á creación das condicións necesarias para un arranxo pacífico", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial, en declaracións á prensa local.