A última grande instalación de Meirama derrubouse cunha voadura controlada
A última grande instalación de Meirama derrubouse cunha voadura controlada
Unha explosión botou abaixo a caldeira da vella central térmica
1.214 quilos de dinamita puxeron fin á que foi unha das maiores plantas de produción de enerxía do país
Naturgy realizou este martes a voadura da caldeira da súa antiga central térmica en Meirama. Apenas varios segundos e 1.214 quilos de dinamita foron suficientes para por fin á ultima grande instalación da térmica do país.
Ás 13:00 horas en punto, e en base a un protocolo de emerxencias previamente establecido, con desaloxo de varias vivendas e corte da estrada, caeron a enorme caldeira, o montacargas e os ascensores anexos. Canda os silos de cinza desaparecen definitivamente a que foi unha das maiores plantas de produción de enerxía do país, cunha potencia bruta de 580 megawatts.
Con anterioridade, a empresa derrubou a cheminea tras máis de 40 anos de existencia, sen que se producise ningunha incidencia máis aló dun amplo rebumbio negro que afectou toda a contorna.
A cheminea, de formigón armado, tiña un volume 50.868 metros cúbicos, un peso estimado de 8.983 toneladas e unha altura de 204 metros.
Previamente realizárase a primeira voadura: a da torre de refrixeración. Foi en decembro de 2022 coa que se comezaba a desmantelar a instalación, xa sen actividade.
Foi unha das maiores plantas de produción de enerxía do país, cunha potencia bruta de 580 megawatts e nela chegaron a traballar unhas 200 persoas.
As reservas da mina esgotáronse en 2008, e substituíu o lignito por hulla para producir enerxía.
Un lago artificial de máis de dous quilómetros e 200 metros de profundidade cobre o burato que deixou a explotación mineira.
Naturgy proxecta instalar no mesmo lugar onde estaba a central térmica unha planta de produción de hidróxeno verde.
A voadura deste martes é o epílogo a catro décadas de actividade, nas que a central foi o centro industrial da comarca. Hoxe desaparece, salvo do escudo do concello de Cerceda, onde polo momento aínda figura o debuxo da central, coas dúas torres xa desaparecidas.