A un mes do San Xoán, a sardiña, de calidade e abundante, a seis euros o quilo
A un mes do San Xoán, a sardiña, de calidade e abundante, a seis euros o quilo
Sardiñas de tamaño medio, de calidade e con moito sabor nunha campaña que este ano se adiantou
Agardan que, se as capturas seguen a ser boas e o tempo acompaña, a sardiña manteña o prezo actual
Queda menos dun mes para celebrar a noite máis máxica de Galicia: o San Xoán. Unha celebración con veciños e amigos en que non pode faltar a sardiña. De calidade e abundante, a sardiña comeza a ocupar terreo nos mercados e prazas galegas. As boas condicións do mar fan que o seu prezo sexa máis que atractivo.
"É de tamaño mediano e entra no quilo unhas catorce sardiñas", explica Ángela Iglesias, peixeira no mercado da praza de Lugo da Coruña. O prezo hoxe está nos 5 ou 6 euros o quilo.
"A nosa sardiña agora é de tamaño medio pero despois virá máis grande que é a máis rica", engade Viri Sánchez, que rexenta outro posto na praza.
A sardiña é o produto por excelencia que non pode faltar, pero para que se cumpra o refrán "En San Xoán, a sardiña molla o pan" hai que agardar aínda un pouco.
"De momento para asar aínda lle falta un pouco, pero como temos ganas dela comémola igual", di Marina Patiño.
"Polo de agora graxa... cada día vai tendo un pouco máis, pero de sabor está exquisita para facer á prancha", apunta Chus, peixeira da praza de Lugo.
Agardan que, se as capturas seguen a ser boas e o tempo acompaña, a sardiña manteña o prezo actual ou como moito suba uns 2 ou 3 euros para San Xoán. O que si esperan é moita festa, pois hai ganas de desfrutar da noite máis longa.