Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE aproba un fármaco máis eficaz contra a bronquiolite infantil

A UE aproba un fármaco máis eficaz contra a bronquiolite infantil

Non existe vacina para esta infección respiratoria, pero o novo tratamento evita as consecuencias máis graves

G24.gal 22/01/2023 14:48 Última actualización 22/01/2023 21:20

A bronquiolite é unha enfermidade respiratoria que ataca especialmente a poboación infantil, sobre todo, a que ten menos de dous anos. É coma un catarro, pero máis grave, xa que lle afecta ao pulmón. 

A relaxación das medidas profilácticas aprendidas durante a pandemia semella estar detrás da onda de infeccións respiratorias que se están a vivir durante este inverno e que puxeron os pais e nais contra as cordas co aumento da temida bronquiolite.

A Unión Europea acaba de aprobar a introdución dun novo medicamento, un anticorpo monoclonal de carácter preventivo, máis eficaz que o empregado ata agora. A Asociación Española de Pediatría está recomendando que se inclúa no calendario anual de inmunización infantil.

"Non é que impida ao cento por cento a posibilidade de xerar unha infección, pero si que diminuiría a probabilidade dos cadros máis graves", aclara Irene Rivero, pediatra do hospital clínico de Santiago e membro do comité asesor de vacinas da Asociación Española de Pediatría.

A bronquiolite é unha infección causada maioritariamente polo virus respiratorio sincitial e é a primeira causa de ingreso pediátrico. Afecta especialmente os nenos de menos de dous anos pero tamén a persoas maiores de sesenta.

Aínda que na maior parte dos casos non necesita hospitalización, pode agravarse, polo que cómpre estar atento aos síntomas.

"No caso de que escoitemos o que se chaman sibilancias, que é como un pequeno pitidiño na respiración do noso fillo, ou ben nos decatemos de que ten dificultades para respirar ou dificultades para alimentarse, nese caso recomendamos que consulte cun profesional", aconsella a pediatra.

Para a bronquiolite non hai vacina, polo que o novo medicamento podería enviar os malos momentos vividos polos pais ao esquecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade