A vendima entra na recta final con boas perspectivas
A vendima entra na recta final con boas perspectivas
As cinco denominacións contan superar os 70 millóns de quilos colleitados o ano pasado
O mildio afectou algunhas zonas, pero o rendemento do resto compensa o total
No Ribeiro, a vendima, que comezou cunha semana de antelación con respecto ao ano pasado, está xa nas últimas. O tempo, obrigounos tamén a apurar.
"Ao ser ano de tormentas, de humidade, hai risco de botrite e podrece, así que hai que facer a vendima no menor tempo posible", asegurou Odilo Taboada, viticultor.
Tras unha primavera treboenta, os viticultores tíñanlle medo ao mildio, que nalgúns viñedos deixou perdas superiores ao 30 %, pero o rendemento do resto compensa o total.
"Tivo impacto nas parcelas onde afectou, pero no resto a colleita foi extraordinaria. Calculo que chegaremos aos 3 millóns de quilos, tanto de viñedos propios como de socios viticultores, o que significa un pouquiño máis que o ano pasado", detallou Carlos Alberte, director de viticultura de Viña Costeira.
A maior dificultade, coma en anos anteriores, está sendo a escaseza de man de obra. Hai xornaleiros de múltiples nacionalidades.
Segundo as previsións da Consellería do Medio Rural, a produción deste ano podería superar ata un 7 % a do ano pasado, en que se colleitaron máis de setenta millóns de quilos entre as cinco denominacións de orixe.