A Vera Cruz, réplica das carabelas lusas do século XV, de arribada en Vilagarcía
A Vera Cruz, réplica das carabelas lusas do século XV, de arribada en Vilagarcía
A embarcación, que percorreu o Camiño Marítimo a Santiago desde o sur de Portugal, pódese visitar durante esta tarde
Estar a bordo dunha embarcación que reproduce as carabelas de hai cincocentos anos é posible en Vilagarcía pola arribada da Vera Cruz. Nela chegaron 21 tripulantes percorrendo toda a costa portuguesa como, segundo a tradición, fixeron cos restos do apóstolo Santiago camiño de Compostela.
Tras 17 días de viaxe, este luns a maioría completaban camiñando a ruta marítima a Santiago. A bordo recíbenos Rui Santos, que nos fala do temón e das velas da embarcación, que -di- reproduce fielmente a que empregou o navegante Bartolomeu Días para dobrar o extremo sur de África en 1488. Tamén nos explica o por que da singularidade dos dous paus e as súas velas.
Á carabela portuguesa achegáronse curiosos e mesmo estudosos da navegación marítima. Tamén para eles o equipamento da Vera Cruz mostra elementos que chaman moito atención do que era a vida a bordo no século XV.
Di un deles, Santos Ordás, que entre os elementos que máis lle chamaron a atención está o temón, que segue o método empregado hai cincocentos anos. Tamén considera moi interesante o do caldeiro, que era daquela o equivalente ao váter actual.
Vai permanecer no porto de pasaxeiros de Vilagarcía ata este martes en que, pola mañá, os 21 tripulantes collerán coa Vera Cruz o camiño de volta a Lisboa.