Publicador de contidos
Publicador de contidos

A vítima de Dani Alves recorrerá a liberdade baixo fianza do exfutbolista

A vítima de Dani Alves recorrerá a liberdade baixo fianza do exfutbolista

Alves non sairá este mércores da prisión ao non poder xuntar o millón de euros para a fianza

A Audiencia de Barcelona determinou a súa liberdade provisional baixo fianza mentres se resolven os recursos contra a súa condena

G24.gal 20/03/2024 18:45 Última actualización 20/03/2024 21:09

 

A vítima de Dani Alves recorrerá a decisión da Audiencia de Barcelona de deixar o futbolista en liberdade cunha fianza dun millón de euros, segundo anunciou a súa avogada, Ester García. Tamén asegurou que a moza está "moi indignada, desesperada e frustrada" pola decisión.

A letrada sinalou que a vítima pensa que os esforzos de moitos profesionais que interviñeron neste caso como os médicos, os mossos ou os responsables de atención á vítima, "non serviron para nada".

Ester García asegurou que "non lle atopaba unha explicación legal á decisión da Audiencia" e que por iso van recorrer. 

Alves non sairá de prisión este mércores

O exxogador do FC Barcelona Dani Alves non sairá este mércores da prisión ao non poder reunir o millón de euros que a Audiencia de Barcelona determinou como fianza, unha cantidade que está recadando entre a súa contorna.

Inés Guardiola, avogada de Alves, acudiu á prisión Brians 2, onde o futbolista está preso desde xaneiro do ano pasado, para comunicarlle que non puido facer o pago, polo que deberá permanecer en prisión polo menos ata o xoves.

A defensa tratará de achegar o millón de euros a través dunha transferencia aínda que tamén é posible afianzar a cantidade requirida mediante propiedades mobiliarias ou doutro tipo. A defensa de Alves terá outra oportunidade de depositar a fianza a partir das 09:00 horas deste xoves.

Unha vez achegada a suma que se lle esixe, o letrado da administración de xustiza deberá efectuar as comprobacións oportunas sobre o pagamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade