Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pide ao Goberno que inste a Bruxelas a flexibilizar as normas da PAC

A Xunta pide ao Goberno que inste a Bruxelas a flexibilizar as normas da PAC

O Goberno Galego considera que flexibilizar estes requirimentos é clave para a supervivencia do sector primario

Xosé González defende unha rebaixa repartida do IVE da carne entre produtor e consumidor e pídelle ao Goberno que deixe de culpar os gandeiros da inflación

G24.gal 20/04/2023 10:13

Tras a Mesa Nacional da Seca celebrada onte en Madrid, o Goberno comprometeuse a solicitar na CE que se flexibilicen as normas da PAC para que gandeiros e agricultores poidan optar ás axudas e salvar as perdas á consecuencia da seca. 

Un asunto que abordamos este xoves co Conselleiro de Medio Rural, quen defendeu a medida como a clave para paliar as perdas da seca, pero tamén para que os produtores poidan facer fronte aos elevados custos de produción. Xunta xa trasladara a demanda ao Executivo central no último consello consultivo, e agarda agora que sexa defendida en Bruxelas. 

"Agardo que o goberno atenda as nosas demandas e flexibilice eses requirimentos. É a mellor maneira de defender os agricultores e gandeiros", puntualizou Xosé González. 

O titular de Medio Rural convidou os profesionais do sector a solicitaren estas axudas, aclarou, porque o Goberno Galego está facendo todo o posible por adaptar as novidades que incorpora a PAC, como a implantación dos ecoesquemas ou o caderno dixital, para o que solicita un aprazamento dun ano. 

Sector do vacún

Xosé González tamén se pronunciou sobre a problemática do sector do vacún en extensivo, que denuncia traballar a perdas. 

Na consellería apostan pola defensa do sector aparellada ao aumento dos prezos do produto. É fundamental garantir a sostibilidade económica do sector da carne en extensivo, aclara, pola calidade do produto e pola xestión que os gandeiros fan en máis de dúas centas mil hectáreas de territorio.

"A defensa do sector ten que vir da man do aumento do prezo para manter as explotacións en pé e polo valor engadido. A partir de aí temos que traballar entre todos para prohibir a venda a perdas", matizou.

Como medidas a curto prazo que pode aplicar a administración, Medio Rural propón unha rebaixa do IVE do 10 por cento, repartida entre a produción e o consumo. E di non entender por que o Goberno de España non aplica a mesma medida que Portugal, incluíndo a carne entre os produtos básicos que reciben  esa rebaixa temporal do imposto.

Plan contra incendios

O Asunto vén centrando o traballo da consellería nos últimos anos, e a Xunta continúa apostando pola xestión do territorio para facer o monte sostible, resiliente contra os incendios. 

Lembrou o conselleiro como o Goberno galego vén traballando, no marco do Plan de Prevención contra os incendios, en varias liñas de actuación, centradas na defensa da actividade agrogandeira, na protección das aldeas contra os lumes, co aumento de queimas prescritas e limpeza de faixas, ou a lei de recuperación da terra agraria e novas concentracións parcelarias que permitiron recuperar máis de 35 mil hectáreas de terreo en Galicia no último ano. 

Campaña actual

Trasladou Xosé González que a partir de maio uns tres mil efectivos van incorporarse á loita contra os incendios en Galicia, por periodo de seis meses.  

Non obstante, incidiu o responsable de Medio Rural, a mellor prevención está na xestión da biomasa forestal e na descontinuidade de cultivos no terreo, para que os incendios non teñan tanta virulencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar