A Xunta autoriza novas zonas de extracción de mexilla na Guarda e no Grove
A Xunta autoriza novas zonas de extracción de mexilla na Guarda e no Grove
A medida súmase ás adoptadas esta semana nas confrarías da Coruña, Lorbé, Corme, Muros, Laxe, Caión e Muxía
A Consellería do Mar autorizou este domingo a apertura de novas zonas para a extracción de mexilla, con carácter extraordinario e conxuntural, no ámbito territorial das confrarías da Guarda e do Grove durante a presente campaña.
A medida, que se fai efectiva este luns, súmase ás adoptadas esta semana nas confrarías da Coruña, Lorbé, Corme, Muros, Laxe, Caión e Muxía.
Segundo o Goberno autonómico, en total ábrense máis de 22 quilómetros adicionais de costa á extracción deste molusco para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.
Nunha nota de prensa, salienta que a decisión é froito do diálogo da Dirección Xeral de Pesca coas organizacións produtoras de mexillón (Opmega, Amegrove e Socomgal) e coas confrarías, tendo en conta as propostas "razoables e viables" remitidas por estas entidades.
O Goberno galego agradeceu "o talante e o compromiso" coa procura de acordos das partes, que -asegura- amosaron "a súa empatía e solidariedade coa difícil situación actual pola falta de recurso".
Outras medidas
Ademais, nas últimas semanas adoptáronse outras medidas para facer fronte á falta de cría, como a posta ao dispor do sector de máis de 130 quilómetros de costa ou a ampliación do número e lonxitude das cordas colectoras que se instalan nas bateas.
A estas medidas para o curto prazo, engade outras para o medio e longo prazo como as distintas investigacións para avanzar no coñecemento da abundancia de mexilla no litoral de Galicia, na captación de semente por distintos medios e na produción en criadeiro.