A Xunta busca sumar a Euskadi e Cantabria na defensa do corredor atlántico ferroviario
A Xunta busca sumar a Euskadi e Cantabria na defensa do corredor atlántico ferroviario
A conselleira de Infraestruturas asegura que é un dos obxectivos do cumio convocado en Vitoria polo lehendakari
Ethel Vázquez urxe unha reunión específica tras admitir "preocupación" polos primeiros pasos do comisionado
Dubida que os cambios no organigrama do Ministerio supoñan unha "actitude máis sensible" ás necesidades de Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza na Radio Galega que a Xunta buscará sumar a Cantabria e o País Vasco como novos aliados na mellora do corredor atlántico noroeste de mercadorías.
Vázquez apuntábao nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, na véspera do cumio convocado en Vitoria polo lehendakari Íñigo Urkullu e no que están convidados os presidentes da Xunta, do Principado de Asturias e de Cantabria para analizar as conexións ferroviarias do norte de España con Europa.
Segundo explicou, buscarán "sumar aliados" para a "defensa do corredor atlántico de mercadorías" así como "igualdade de trato" e "igualdade de oportunidades" respecto ao corredor do Mediterráneo.
"Sumamos como aliados Cantabria, sumamos como aliados tamén o País Vasco e defenderemos igualdade de oportunidades e igualdade de investimentos e igualdade de avances entre o corredor atlántico de mercadorías e o corredor mediterráneo. Sumarémonos a unha necesidade importante no País Vasco, que é esa conexión con Francia dende Irún".
A conselleira volveu insistir na necesidade dunha xuntanza específica de Galicia, Asturias e Castela e León co comisionado do corredor atlántico designado polo Goberno para abordar as necesidades específicas do corredor atlántico noroeste.
Vázquez lamenta que, tras unha primeira presentación en Xixón ás once comunidades integradas no corredor atlántico, os primeiros encontros de José Antonio Sebastián en Galicia non contasen coa Xunta.
Asegura que o que "máis sorprende é que acode a Galicia e a súa primeira xuntanza en Galicia é co propio Goberno de España" en relación ao encontro que tivo co Delegado do Goberno en Galicia.
A conselleira de Infraestruturas, na liña do informe analizado no Consello da Xunta sobre a planificación presentada polo Goberno central, argumenta que os plans que a día de hoxe manexa o Ministerio para este nó ferroviario son preocupantes polos "erros" que di apreciar, polas "ausencias flagrantes" e polo "ínfimo investimento" que se baralla.
"O documento que nos presentaron o luns pasado en Xixón practicamente é un plaxio, practicamente é idéntico que o que presentou Ábalos no ano 2019. O que vén confirmarse é que se perdeu moito tempo co corredor atlántico noroeste e séguese perdendo moito tempo co corredor atlántico noroeste. Por iso a nosa insistencia en que é urxente unha xuntanza específica para abordar as nosas necesidades para transformar a nosa rede ferroviaria de mercadorías".
Demandas ao Ministerio de Transportes
A conselleira de Infraestruturas pídelle ao Ministerio de Transportes que lle dea a Galicia as "mesmas compensacións que o Ministerio lle outorgou a Asturias e Cantabria" polos trens de ancho métrico cuxo deseño non cabía nos túneles.
Ethel Vázquez argumenta que Galicia é unha das comunidades afectadas por este asunto -en concreto na liña Ferrol-Ribadeo- polo que sostén debería tamén "participar nesas xuntanzas".
Segundo Vázquez, "vemos un novo agravio e unha nova discriminación porque nin temos compensacións, nin temos oportunidade de estar nesas reunións para facer seguimento".
Esta reclamación leva a Ethel Vázquez a volver urxir unha reunión co Ministerio por entender que hai moitas "frontes abertas". Entre elas, apuntou, a necesidade de clarificar o "cronograma" da chegada dos trens Avril a Galicia tras constatar "atraso sobre atraso" ou "a reconstrución total do viaduto da A-6".
Cando lle preguntan polos cambios no organigrama do Ministerio derivados de cesamentos e por unha eventual próxima visita a Galicia do novo secretario de Estado de Transportes, David Lucas, Vázquez admitiu que na Xunta agardaban que "os cambios no Ministerio" viñesen "acompañados de cambios de actitude" e que "fosen máis sensibles, máis accesibles ás necesidades de Galicia".
Segundo apunta, "temos moitos déficits", e entre eles sinalou "eses trens Avril que levan moitísimo atraso para que chegue a alta velocidade a Galicia e a propia reconstrución total do viaduto da A-6". Dito isto, recoñeceuse pesimista ao asegurar que "o certo é que parece que non vai mudar nada en absoluto. Non vimos ese cambio de actitude que agardariamos".