Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta cifra en 60 millóns ao mes o déficit na tesourería pola prórroga dos orzamentos do Estado

A Xunta cifra en 60 millóns ao mes o déficit na tesourería pola prórroga dos orzamentos do Estado

A Xunta pídelle ao Goberno que aprobe canto antes o decreto lei para actualizar as entregas a conta e o aumento do 2% dos salarios dos empregados públicos

G24.gal 21/03/2024 18:18 Última actualización 21/03/2024 18:56

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, di que a prórroga dos presupostos do Estado ten consecuencias en Galicia que afectan á sanidade, infraestruturas ou pagamento a provedores. Segundo un informe da Xunta presentado este xoves, a falta de actualización das entregas a conta ás comunidades provoca que as arcas galegas teñán un déficit de tesourería de 60 millóns de euros ao mes.

A Xunta insiste en que a renuncia do Goberno central a elaborar novos presupostos para este ano xera incertezas, falta de estabilidade e mingua de recursos nas comunidades. "Isto vai provocar que se prorrogue o peor orzamento do Estado que Galicia tivo en moitos anos e vai repercutir en servizos esenciais e pagamento a provedores", afirmou Alfonso Rueda.

O informe da Consellería de Facenda pon cifras ao que supón para Galicia a prórroga dos orzamentos, que implica que as comunidades reciban do Estado os mesmos ingresos que no 2023 e non os anunciados en decembro.

"En Galicia a tesourería tivo só nos dous primeiros meses do ano un déficit acumulado de 121 M e de seguir esta falta de actualización das entregas a conta estímase un déficit total de 725 M de euros, cun importe mensual acumulado de 60,5 M", explicou Miguel Corgos, conselleiro de Facenda.

A Xunta pídelle ao Goberno que aprobe canto antes o decreto lei para actualizar as entregas a conta e o aumento do 2% dos salarios dos empregados públicos, conxelados pola prórroga dos orzamentos. 

O presidente da Xunta en funcións falou tamén da petición de Pere Aragonès para que Cataluña recade o 100% dos impostos. Alfonso Rueda pídelle a Pedro Sánchez que non ceda á chantaxe e advirte das consecuencias "demoledoras" que tería para Galicia ese novo sistema de financiamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade