A Xunta de Galicia estende o nivel de aviso por calor a toda a comunidade
A Xunta de Galicia estende o nivel de aviso por calor a toda a comunidade
Martes e mércores serán os días de máis calor, con termómetros por encima dos 40 ºC en zonas de Ourense e dos 35 ºC no resto de Galicia
Toda Galicia estará este martes en aviso por altas temperaturas. Soben tanto as mínimas como as máximas. Así que toda a comunidade estará en nivel de aviso amarelo.
Aumentarán a nivel de aviso laranxa certas zonas do interior como o sur de Lugo e Miño de Ourense, e da costa da Coruña e Pontevedra.
A zona de Valdeorras, en Ourense situarase no nivel de aviso vermello.
Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, “a situación meteorolóxica vai quedar caracterizada en Galicia ata a xornada do xoves pola chegada dunha masa de aire cálida que deixará temperaturas moi elevadas”.
“Este luns as temperaturas superan os 35 ºC en puntos de Ourense e sur de Lugo. Martes e mércores serán os días de máis calor, con termómetros por encima dos 40 ºC en zonas de Ourense e dos 35 ºC no resto de Galicia, aínda que o martes no extremo norte aínda poderían manterse un pouco por baixo”, apuntan.
O xoves empezará a descender un pouco a temperatura, sobre todo no litoral, onde empezarán as brisas e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas.
No interior seguirá a calor, pero xa con temperaturas por baixo dos 40 ºC.
Entre venres e sábado espérase unha caída notable das temperaturas que previsiblemente fará que finalice este episodio de calor en toda a Comunidade.
Ante as altas temperaturas que se van rexistrar e que se van manter ao longo da semana, a Consellería de Sanidade tamén difundiu unha serie de consellos para facer fronte á vaga de calor.
Entre as recomendacións, destaca o consello de beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.
Así mesmo, recomendan o consumo de verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, Sanidade suxire usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares.
Aconsella tamén que, durante o día, se baixen as persianas e se pechen as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar.
Ademais, piden eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
Tamén propoñen, na medida do posible, evitar as actividades nas horas máis calorosas e reducir a actividade física.
Desaconsellan, igualmente, acudir á praia nas horas de máxima calor.
Lembran que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.