Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta descarta elevar o nivel de emerxencia polos 'pellets' e di que "non son tóxicos"

Bólas de plástico en praias de Ferrol este luns
G24.gal 08/01/2024 12:46 Última actualización 08/01/2024 18:55

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, dixo este luns que o Goberno autonómico descarta elevar ao nivel 2 a fase de emerxencia por contaminación mariña pola vertedura de pellets na costa galega e pide que se fagan recollidas "de maneira ordenada".

Nun acto celebrado este luns na Coruña e ante preguntas dos medios, Vázquez aclarou que as pequenas bólas de plástico "non son tóxicas nin perigosas", pero "é plástico e hai que quitalo dos areais".

A vicepresidenta segunda detallou que desde que a Xunta tivo coñecemento da vertedura activouse o Plan Camgal (Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia) e apuntou que "non é necesario" elevar o nivel de emerxencia porque así o din "técnicos e científicos".

Ángeles Vázquez pediu ao Goberno central que "colabore" porque é súa a "responsabilidade do transporte no mar" e porque "hai que actuar" dado que "non foron capaces de sacar os sacos do mar e están a chegar a terra, nuns casos sacos completamente cheos e noutros miles de bólas porque os sacos ábrense".

"Estamos á espera de que nos concreten os servizos que se van poñer en marcha", declarou Vázquez, que desvelou que "a ministra de Transición Ecolóxica púxose onte en contacto co presidente da Xunta" para "ofrecerlle os servizos necesarios" para controlar a situación dos pellets.

A Xunta puxo en marcha un dispositivo dunhas 200 persoas, asegurou a conselleira, entre "persoal propio, gardacostas, axentes ambientais" e tamén a través de "a empresa pública Tragsa" para "traballar e controlar" a recollida dos pellets que, avisou, "é moi complicada".

Por iso, e en relación ás recollidas organizadas por voluntarios, Ángeles Vázquez pediu que estas actuacións se fagan "ordenadas e con sentido" xa que se hai moitas persoas sobre os areais "písanse as boliñas e entérranse".

O Goberno autonómico está pendente agora de saber a cantidade de pellets da vertedura, algo que debe "verificar o Goberno central e a empresa" que os transportaba, aínda que Ánxeles Vázquez dixo que "nun principio parece ser que se trata dunha cantidade pequena".

Rueda critica a falta de información do Goberno e o seu uso electoral

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou a falta de información por parte do Goberno central á Xunta sobre a contaminación das praias por millóns de pellets de plástico e lamentou o uso electoral que asegura que está a facer a esquerda desta situación.

Nun almorzo informativo organizado por Europa Press en Madrid, no que foi presentado polo presidente do PP e antecesor seu na Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Rueda dixo non ter información precisa sobre a contaminación chegada a praias galegas procedente de contedores do buque Tuconao.

"Non temos información, aínda non nola deu, (sobre) cantos contedores caeron ao mar e que contiñan", manifestou o presidente da Xunta, que en todo caso garantiu: "Imos recoller todo o que chegue ás praias, poñeremos os medios necesarios e quen queira axudar que axude e o que non que siga facendo campaña, pero que non estorbe".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos