A Xunta destina 1,5 millóns en axudas para a modernización dos barcos
A Xunta destina 1,5 millóns en axudas para a modernización dos barcos
O obxectivo é facilitar a vida dos mariñeiros a bordo e incentivar así a remuda xeracional
O sector pesqueiro accederá a un millón e medio de euros para modernizar os buques pesqueiros. Con estas axudas, a Xunta quere facer máis sostible o seu traballo, e animar aos máis novos a incorporarse á profesión.
Unha liña de axudas que esta mesma semana se publicará no DOG. O ano pasado a Xunta aprobou 70 proxectos para a modernización dos barcos. Esta mañá a conselleira do Mar visitou un dos beneficiados no porto de Celeiro para comprobar as melloras realizadas ao abeiro deste programa.
Dende alí relizaron unha conexión vía wifi cun barco na costa francesa dende o Pino Montero Tres, un dos buques galegos que o ano pasado se acolleu á liña de axudas da Xunta para a modernización das embarcacións. Agora, os membros da tripulación, están permanentemente conectados a terra.
Rosa Quintana, Conselleira do Mar, di que agora cunha tarifa plana poden facer videoconferencias coa súa casa ou conectar cos datos para o diario electrónico. Chamadas que antes habia que facer a través do satélite e eran moi caras agora poden facerse con wifi.
Un salto cualitativo na calidade de vida dos mariñeiros a bordo, coma di o xerente do Porto de Celeiro. Eduardo Míguez di que facilita a vida non só á tripulación senon tamén ao patrón e armador.
O orzamento que a Xunta destina a esta liña de axudas medra este ano e sobe ata o millón e medio de euros. A ela poden acollerse para modernizar as embarcacións os buques que fomenten a actividade sostible. Tamén se habilitan axudas para os menores de 40 anos que queiran comprar primeira embarcación.