Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta insta a ministra de Facenda a que o CPFF aborde a revisión do financiamento

A Xunta insta a ministra de Facenda a que o CPFF aborde a revisión do financiamento

O conselleiro de Facenda, tras aprobarse os orzamentos autonómicos, pide ao Goberno aprobar os seus

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 18/12/2024 11:52

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, prevé enviar este mércores unha carta á ministra de Facenda, María Jesús Montero, para "lembrarlle cales son as prioridades" de Galicia, entre elas a inclusión no próximo consello de política fiscal e financeira (CPFF) dun punto concreto para abordar a revisión do sistema de financiamento autonómico.

Diso informou Corgos en declaracións aos medios de comunicación convocadas nos corredores do Parlamento galego un día despois de que o pleno aprobase de forma definitiva os orzamentos da Xunta para o ano que vén.

"O que demanda Galicia é que se recolla un punto que fale da revisión do sistema de financiamento autonómico, antes da condonación da débeda", destacou.

Con anterioridade, Corgos lembrou que a norma era que houbese dous consellos de política fiscal e financeira ao ano, pero o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, apuntou a un en xaneiro, co cal, a xuízo do titular de Facenda, saltaríase un.

Así mesmo, o conselleiro reivindicou a aprobación dunhas contas que case alcanzan os 14.000 millóns de euros, que saíron adiante só co apoio do PP e o rexeitamento da oposición e que se dan nun contexto no que o Executivo de Sánchez segue sen orzamentos.

Das contas estatais, indicou Corgos, dependen importantes infraestruturas pendentes e tamén outro tipo de cuestións como as retribucións dos empregados públicos, dado que un atraso na actualización das súas nóminas pode supoñer novamente un gasto maior no pago de intereses.

Por iso, o conselleiro insistiu en que o Executivo estatal debe adoptar as "medidas urxentes necesarias" para evitar que esta situación se repita, como xa ocorreu neste exercicio, aínda que non sexa capaz de articular un orzamento que consigan aprobar no Congreso.

"Pediriamos que, polo menos, se adopten medidas urxentes para facer pagos a conta" e "se indique cal vai ser a evolución retributiva dos empregados públicos que tamén depende do ministerio de Facenda", pero que tamén ten un forte impacto nas finanzas galegas, sinalou.

Asegurou que a Xunta desexa que se aproben "o máis rápido posible" os orzamentos estatais, aínda que admitiu non confiar moito nesta posibilidade pola "complicada posición do Goberno", que depende dos votos dos seus socios parlamentarios.

Segundo Corgos, o Goberno central, presidido por Pedro Sánchez, ten "unha serie de acordos aínda no aire e non sabemos como se solucionarán" para poder conseguir o apoio necesario para aprobar os orzamentos de 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade