Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta insta os concellos da conca do Lérez a revisar as perdas de auga nas redes municipais

A Xunta insta os concellos da conca do Lérez a revisar as perdas de auga nas redes municipais

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, non descarta que haxa que aumentar o nivel de alerta por escaseza de auga nos concellos que se abastecen do río Lérez 

Ethel Vázquez alerta de que a situación dos encoros de Zamáns e Baiona pode levar a decretar o estado de prealerta por escaseza de auga nos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar

G24.gal 28/07/2022 10:56

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel María Vázquez Mourelle, confía en que as medidas adoptadas este mércores polos concellos que se abastecen de auga do río Lérez (Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Poio, Bueu e Ponte Caldelas) permitan facer fronte á abrupta diminución de caudal no río.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Ethel Vázquez non descarta que nas próximas semanas haxa que aumentar o nivel de alerta por escaseza nestes concellos, o que suporía, por parte da Xunta, diminuír o caudal ecolóxico do río e, pola banda dos concellos, reducir a presión da auga na rede e establecer cortes nocturnos da subministración.

"Todos coincidimos na xuntanza de onte en que as medidas eran moi necesarias: suprimir baldeos e regas de xardíns, cortar a auga das billas e duchas das praias, prohibir encher as piscinas e as actividades lúdicas con auga e comprometer aos concellos a que supervisen as fugas de auga nas redes municipais". 

Neste momento, segundo Ethel Vázquez, a situación é preocupante, sobre todo porque aínda estamos a comezos do verán e porque as previsións meteorolóxicas non prevén chuvias nos próximas días. 

"A falta de precipitacións constantes nos últimos meses e as temperaturas anormalmente elevadas fixeron diminuír o caudal do río Lérez un 73 % nos últimos 20 días".

Amais dos meteorolóxicos, outro dos factores que inflúen na escaseza de auga son as perdas que se producen nas redes de tubaxes. 

A conselleira alertou tamén de que os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar poden entrar en prealerta por escaseza de auga pola situación dos encoros de Zamáns e Baiona.

"Creo que, se actuamos todos, administracións e cidadanía, con moita responsabilidade, agardamos non ter que chegar a esa restrición de cortes nocturnos en caso de chegar á situación de alerta".

A finais da semana que vén reunirase de novo a Oficina da Seca para avaliar a situación.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos