Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta mantén as bonificacións autonómicas no transporte interurbano en 2025

A Xunta mantén as bonificacións autonómicas no transporte interurbano en 2025

Toman a decisión de manter a súa parte "con independencia" do que decida o Estado respecto aos seus descontos

O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nun autobús / Xunta O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nun autobús / Xunta
G24.gal 12/12/2024 16:00

A Xunta de Galicia manterá as bonificacións autonómicas no transporte interurbano en 2025 "con independencia do que decida finalmente facer o Estado con respecto aos seus descontos".

Anunciouno o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen asegurou que, do 50 % de desconto no prezo do billete que se viña aplicando de forma compartida entre os gobernos estatal e autonómico, asumindo o 30 % e o 20 % respectivamente, a Xunta manterá a súa parte "a maiores das diferentes vantaxes impulsadas a nivel autonómico".

Entre elas, comentou, está a redución do 10 % sobre a tarifa en efectivo, descontos adicionais do 15 % para usuarios recorrentes e de ata o 50 % para membros de familias numerosas, ou transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano.

Lembrou que a Xunta traballa na futura implantación da área de Transportes de Galicia, unha área única de transporte para toda a comunidade que suporía estender as vantaxes das áreas de transporte metropolitano, de maneira que os transbordos sexan gratuítos en todas as viaxes.

"Galicia pode presumir dun Plan de transporte público referente, con tarifas máis económicas e uniformes para todo o territorio e amplas vantaxes a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia", apuntou.

Ampliación da Tarxeta Xente Nova e tarifa +65

Tamén se referiu á ampliación a 2025 das bonificacións pioneiras no Estado para menores de 21 anos, a través da Tarxeta Xente Nova, e maiores de 65 anos, a través da Tarifa +65.

Con elas facilítaselles aos colectivos beneficiarios ata 60 viaxes gratis ao mes no autobús interurbano, no transporte marítimo da ría de Vigo e no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol.

O orzamento para o próximo ano para ambas as medidas supera os 17 millóns de euros. Na actualidade case 127.000 menores de 21 anos benefícianse das vantaxes da Tarxeta Xente Nova, dos que máis de 21.800 sumáronse nos nove primeiros meses deste ano.

Ata finais de setembro, este colectivo realizou máis de 4,8 millóns de viaxes gratuítas, un 11 % máis que no mesmo período do ano anterior.

As viaxes pagadas con esta tarxeta creceron o ano pasado ata os seis millóns, a cifra máis alta desde que se puxo en marcha, incrementándose un 24 % con respecto ao ano anterior.

Por concellos, Vigo é o que ten máis tarxetas, con 11.147 tarxetas, seguido da Coruña, con 9.090, e de Santiago de Compostela, con 6.883 tarxetas.

No que respecta á tarifa +65, posta en marcha tamén con carácter pioneiro ao inicio do ano, suma xa máis de 105.000 usuarios que realizaron ata finais de setembro 2,44 millóns de viaxes gratuítas.

Por concellos, A Coruña é o que ten máis tarxetas con tarifa +65 activas, con 12.709 tarxetas, seguido de Vigo, con 12.037, e de Santiago, con 7.885 tarxetas.

Ambas as medidas enmárcanse no Plan de Transporte Público de Galicia, "ferramenta de referencia no resto das comunidades" e que supón un investimento anual de 150 millóns de euros, incluíndo o transporte interurbano, adaptado e escolar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade