A Xunta pide que Transportes cumpra cos compromisos e haxa máis frecuencias de AVE
A Xunta pide que Transportes cumpra cos compromisos e haxa máis frecuencias de AVE
"Ademais de permitir viaxar a máis xente, en teoría debería permitir viaxar máis barato", asegura Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera que o Ministerio de Transportes cumpra os compromisos co tren en Galicia, e as liñas do AVE acaben o ano con máis frecuencias, máis prazas e mellores prezos.
Durante a súa intervención en Madrid nun foro sobre turismo que compartiu co presidente de Asturias, Rueda dixo que hai un compromiso para acabar o ano "con moitas máis frecuencias".
E "aínda que non tivo un bo arrinque, como moitísimos atrasos e moitísimas incidencias, podo entendelo se se soluciona", afirmaba o presidente da Xunta, quen cre que aínda máis importante que o tempo de viaxe son as prazas porque iso "ademais de permitir viaxar a máis xente, en teoría debería permitir viaxar máis barato".
Eses novos trens AVE aínda non levan un mes de servizo en Galicia, e os atrasos continúan sendo a tónica habitual. Os usuarios temen que Renfe renuncie a mellorar a puntualidade: cren que por iso endureceu os criterios para indemnizar os que sofren eses atrasos.
Deixarán de compensarse os atrasos de quince minutos nos servizos da alta velocidade. E só se aboará a metade do billete cando se supere unha hora e o cen por cento dos cartos se o atraso é de hora e media. O ministro de Transportes di que é necesario adaptarse aos competidores.
"Non podemos seguir ofrecendo os prezos aos que nos vemos obrigados como consecuencia da competencia. E ao mesmo tempo manter uns compromisos de puntualidade que lle veñen supoñendo unha mingua dos ingresos a Renfe", aseguraba Puente.
Os usuarios asumen que non se vai producir unha mellora dos tempos. "Renfe está a demostrar que no servizo que ten hoxe, a puntualidade non a pode ofertar. Como Renfe dá por feito que a calidade non a pode mellorar o que fai é aumentar o tempo o que temos dereito a indemnización", asegura Lucas García, da plataforma Perder o tren.
Os usuarios seguen reclamando melloras nos servizos. Especialmente nas primeiras horas da mañá para permitir a mobilidade entre as cidades á hora de acudir traballar.