Abanca vai de romaría e celebra os 110.000 millóns de euros en volume de negocio
Abanca vai de romaría e celebra os 110.000 millóns de euros en volume de negocio
A Romaría Internacional Abanca serviu para salientar os logros da entidade, entre eles, a consecución de 2,3 millóns de clientes
O presidente da Xunta agradeceu o "compromiso con Galicia" da entidade e deixou unha alusión ao novo imposto á banca
A Romaría Abanca Internacional, que hoxe chegaba á sexta edición no Carballiño, tenta reforzar os vínculos entre traballadores e clientes da entidade de diversas países de Europa e Latinoamérica.
Precisamente, esa internacionalización, así como o incremento progresivo do volume de negocio e de clientes son as notas destacadas ás que referiu o presidente da entidade:
"Hoxe somos unha organización que conta con máis de 6.000 profesionais do mais alto nivel, con case 700 oficinas en once países e que xa supera os 110.000 millóns de euros en volume de negocio e, quizais máis importante ca iso, con máis de 2,3 millóns de clientes", especificou Juan Carlos Escotet.
A marca Abanca debutaba hai xusto oito anos no mercado español, en xullo de 2016. Escotet recoñeceu que agora a economía vive "tempos complexos", pero lonxe de visións pesimistas dixo que tamén están "sementados de oportunidades".
Pola súa parte, o presidente da Xunta aludiu á polémica sobre o novo imposto á banca:
"Ao contrario dalgunhas cousas que estamos escoitando por aquí ultimamente, polo noso querido país, por España, parece que enfrontarse aos que crean riqueza algúns poden pensar que lles dá algún tipo de rédito e nós queremos acompañar aos que apostan pola nosa terra", sinalou Alfonso Rueda.
Escotet incidiu na importancia da obra social e cultural da entidade e lembrou que a Universidade Intercontinental da Empresa, que promove Abanca, arrincará xa o curso vindeiro nos campus de Vigo e A Coruña.