Abre o Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que este ano fai 25 anos
Abre o Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que este ano fai 25 anos
Máis de 20 creadores de banda deseñada pasarán pola cidade da Coruña ao longo da semana
O Salón Internacional do Cómic chega aos 25 anos nun momento de "madurez espléndida", segundo o seu director, Miguelanxo Prado
Os protagonistas de cómic xa están na Coruña ocupando rúas, prazas e edificios emblemáticos da cidade. Aos xa tradicionais súmase este ano Esther, o personaxe da ilustradora Purita Campos.
Ela cando comezou a súa andaina nos anos 60 e 70 do século pasado era unha rara avis e propón unha rapaza moderna que pretende estar á altura das súas coetáneas de Francia, Inglaterra ou Alemaña", explica Miguelanxo Prado, director de Viñetas desde o Atlántico.
Nas casetas instaladas nos Xardíns de Méndez Núñez unha extensa oferta de exemplares da banda deseñada clásica e actual que o seu público sabe valorar. Unha das lectoras de cómic que visitou o certame nesta primeira xornada definíao como "un medio que combina distintas artes: a ilustración, a composición e mesmo o guión".
Para Xaime Lis, de Komic Libraría, "hai tal cantidade de xéneros, temáticas e estilos hoxe en día que é imposible non atopar un cómic para cada persoa".
Cada edición de Viñetas é distinta porque son diferentes os autores e tamén as obras que se presentan, pero ao mesmo tempo os visitantes de Viñetas saben perfectamente o que se van atopar: exposicións de calidade e autores de primeiro nivel con xente interesante que está despuntando".
E todo acompañado con charlas e encontros cos creadores convidados. Viñetas desde o Atlántico chega este ano ao seu cuarto de século nun dos seus mellores momentos. "Eu diría que vive unha madurez espléndida", engade o seu director.
O Salón Internacional do Cómic continuará ata o próximo domingo, aínda que a exposicións poderán visitarse ata setembro.