Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absolta a veciña de Cee acusada de intentar matar a súa nai

Absolta a veciña de Cee acusada de intentar matar a súa nai

Os maxistrados consideran que houbo unha discusión, pero non existiu "acto ningún contra a vida da súa nai ou contra a integridade física do seu pai"

A Fiscalía pedía para ela sete anos e medio de cadea e acusábaa de intentar afogar a nai cun coxín en 2020

G24.gal 21/10/2022 09:56 Última actualización 21/10/2022 10:25

A Audiencia Provincial da Coruña absolveu a veciña de Cee que estaba acusada de intentar matar a súa nai. Os maxistrados consideran probado que houbo unha discusión coa nai e que despois continuou co pai, pero non existiu "acto ningún contra a vida da súa nai ou contra a integridade física do seu pai".

"Existe proba, pero o seu contido non permite establecer que teña a robustez esixible para sustentar un pronunciamento de condena, dada a súa insuficiencia para determinar máis aló de toda dúbida razoable os aspectos esenciais de feito e acción", engaden.

Os feitos xulgados aconteceron durante o confinamento da primavera de 2020. A procesada, supostamente, tratara de afogar a nai cun coxín e despois maltratara o pai, cuestións que a acusada negou.

No xuízo, a muller relatou que aquel día a súa nai falaba por teléfono cando ela entrou no seu cuarto e quitoulle o dispositivo, momento en que a suposta vítima empezou a gritar pola xanela "auxilio, auxilio". Segundo a súa declaración, ela foi pechar a xanela e as dúas caeron encima da cama: "Pero non a toquei", proseguiu tras afirmar que non chegou a haber contacto entre ambas. A súa nai, en cambio, asegurou que entrou na habitación insultándoa e púxose encima dela para afogala: "Tiroume na cama e co coxín queríame asfixiar", contou.

A nai recoñeceu no xuízo que a filla non lle manifestou a súa intención e que ela estaba boca abaixo, polo que non puido ver o coxín co que supostamente a tentou matar.

A acusada declarou que despois foi onde estaba o pai e el desmaiouse: "Eu, como son tan mala, son o mesmísimo demo, reanimeino", ironizou.

A procesada declarou que lle ten "moito medo á súa nai" e, de feito, se "desmaiaba" cando estaba preto dela, pois mesmo lle anticipaba unha suposta montaxe para enviala a prisión. "Hai tempo que me viña ameazando, que me ía preparar unha boa e que ía ir a Teixeiro", concluíu.

A Fiscalía acusábaa dun homicidio en grao de tentativa contra a súa nai e dun delito de malos tratos no ámbito da violencia doméstica contra o seu pai, polo que pedía sete anos e seis meses de prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade