Acepta oito anos e medio de cárcere por abusar dun menor e distribuír pornografía
Acepta oito anos e medio de cárcere por abusar dun menor e distribuír pornografía
Segundo a fiscalía, realizou prácticas sexuais co neno e fíxolle fotografías que logo supostamente compartiu con outro pederasta.
O acusado chegou a un pacto co fiscal este xoves na Audiencia Provincial de Lugo
Un home acusado de abusar sexualmente dun menor e de elaborar e distribuír pornografía infantil aceptou unha pena de oito anos e medio de prisión, tras un pacto dos seus avogados coa Fiscalía este xoves na Audiencia Provincial de Lugo.
O acusado aceptou esa pena fronte á petición inicial da Fiscalía, que reclamaba 23 anos e medio de reclusión e a prohibición de acceder a redes sociais durante dez anos, de achegarse á vítima durante cinco anos despois de cumprir a condena e de desempeñar traballo ningún con menores durante seis anos.
A principios de 2020, segundo a Fiscalía, o acusado contactou co menor, de tan só 13 anos, a través dunha rede social e intercambiou fotografías con el; posteriormente, logrou convencelo para que fose ao seu domicilio, onde lle pagou para facer prácticas sexuais con el e lle fixo fotografías que logo supostamente compartiu con outro pederasta.
O home foi condenado por abusos a menor, prostitución de menores e elaboración e distribución de pornografía infantil, aínda que coa "atenuante moi cualificada de reparación do dano", dado que o indemnizou con 6.000 euros.
Polo delito de abuso sexual será condenado a cinco anos de cárcere, a un ano polo de prostitución de menores e a dous anos e medio por elaboración e distribución de pornografía infantil.
Ademais, tal e como pedía a Fiscalía, non poderá exercer ningún traballo relacionado con menores en seis anos nin aproximarse á vítima ou comunicarse con ela en cinco anos, unha vez cumprida a pena privativa de liberdade.
Tampouco poderá acceder a "chats telefónicos ou informáticos" durante dez anos e, despois, permanecerá en liberdade vixiada e deberá someterse a un programa de reeducación sexual.