Achan ADN masculino nunha das unllas do corpo de Déborah Fernández
Achan ADN masculino nunha das unllas do corpo de Déborah Fernández
A familia fala novamente dunha neglixencia da autopsia inicial
Este venres declarará nos xulgados o principal sospeitoso do caso, o exmozo de Déborah
O Instituto Nacional de Toxicología achou ADN masculino nunha das unllas de Déborah Fernández Cervera. O corpo da moza viguesa fora atopado hai uns vinte anos, e foi exhumado o pasado 18 de maio, a instancias da familia, en busca de probas que puidesen darlle un impulso ao caso.
Así figura no informe que, segundo a familia de Déborah, acaba de remitir o Instituto Nacional de Toxicoloxía. Agora, os avogados da familia solicitarán a ampliación da proba pericial para tentar determinar os marcadores xenéticos atopados.
En canto ao pelo atopado polos forenses de Vigo durante a exhumación, o Instituto de Toxicoloxía determina que se trata de PVDC, un material empregado para o envasado de alimentos, entre outros usos.
En canto ao exame do vehículo do principal sospeitoso efectuado en setembro do pasado ano, atopouse unha gran cantidade de mostras biolóxicas tanto humanas como animais, “o que choca frontalmente con que no exame do 2010 non se atopase absolutamente nada, o que demostraría que daquela se fixo unha limpeza exhaustiva do vehículo”.
Algo que, segundo expresa a familia nun comunicado, “demostra, unha vez máis, a neglixencia da autopsia inicial”.
Este venres, a persoa a quen a policía sinalou como principal sospeitoso do caso, que fora mozo de Déborah, declarará por primeira vez en calidade de investigado no Xulgado de Instrución 2 de Tui.
O xulgado negárase a citalo a declarar, pero a familia presentou un recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra que foi estimado.