Actívase ata o 30 de xuño un plan especial de control do xabaril
A tempada de caza pechou, pero autorizaranse batidas de dispersión para protexer os cultivos na primavera
A falta de cifras definitivas, os cazadores calculan que esta tempada abatéronse 19.000 exemplares en Galicia
Aínda por pechar os datos, calculan que esta tempada de caza do xabaril superáronse os 19.000 exemplares abatidos en Galicia. Son algo máis que os da campaña anterior, e os cazadores constatan que -se non hai máis xabarís- actúan máis preto das casas. E provocan máis danos: en 2024 causaron 3.767 accidentes nas estradas, e estragaron máis de 2.800 hectáreas de cultivo.
Para protexer os cultivos, e tamén a tempada de cría do xabaril, actívase un plan especial de control coa colaboración dos cazadores.
"Na sementeira do millo, cando fai máis dano o xabaril, o que facemos son batidas de dispersión", explica Ramón Rodríguez, vicepresidente da Federación Galega de Caza.
Agricultores e gandeiros que teñan presión do xabaril na zona terán que comunicalo no Tecor, que tramitará a solicitude para facer esa dispersión. "Onde hai cabanas de xabarís, dispersámolos para que vaian para outras zonas onde fagan menos dano", di Rodríguez.
A idea é que os permisos se autoricen de maneira exprés.
"Cada ano están axilizando máis e agora practicamente son inmediatos. Os tecores piden permiso para facer esas dispersións e por parte da Administración non hai ningún problema", explica Ramón Rodríguez.
Segundo explica a consellería de Medio Ambiente, poderán solicitarse batidas, esperas ou desencames, así como outras medidas excepcionais de control. Haberá que pedilas cunha antelación de 24 horas, que poden ser 48 no caso de facer a solicitude en día inhábil.
O plan especial de control do xabaril en Galicia está activo dende o 1 de marzo e ata o 30 de xuño.