Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa faise co 100 % da propiedade das factorías de San Cibrao

Alcoa faise co 100 % da propiedade das factorías de San Cibrao

A multinacional acorda a compra da australiana Alumina Limited, que tiña o 40 % do complexo da Mariña

Está previsto que a transacción se complete no terceiro trimestre deste ano

G24.gal 12/03/2024 16:17

Alcoa asinou un acordo vinculante para a compra por máis de 2.000 millóns en accións  da australiana Alumina Limited, propietaria do 40 % da refinería de San Cibrao, polo que a multinacional estadounidense pasará a facerse co 100 % do complexo da Mariña.

Está previsto que a transacción se complete no terceiro trimestre de 2024, suxeita ao cumprimento de condicións, a aprobación dos accionistas de ambas as empresas e ás autorizacións legais. Nun comunicado, o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, William F. Oplinger, destaca que "é un fito no camiño para xerar valor tanto para os accionistas de Alcoa como para os de Alúmina".

"Esta operación ofrece maiores oportunidades de creación de valor, como o fortalecemento da posición de Alcoa como un dos maiores produtores de bauxita e alumina do mundo e a posibilidade de que os accionistas de Alumina Limited participen nunha empresa combinada máis forte, mellor capitalizada e con maior potencial de crecemento. Esperamos aproveitar o éxito de Alcoa e seguir executando a nosa estratexia a longo prazo", expón Oplinger.

Respecto diso, Allan Gray Australia, actualmente o maior accionista de Alumina Limited, confirmou que segue apoiando a transacción proposta. Así, tanto o Consello de Administración de Alcoa como o de Alumina Limited recomendan que os seus accionistas voten a favor da transacción.

Tras coñecerse a finais de febreiro o anuncio de Alcoa para esta operación, a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, asegurou que "todo o que sexa avanzar en que Alcoa se faga máis forte e continúe en Galicia é unha boa noticia". Con todo, avisaba de que: "A compañía terá que explicarnos exactamente en que consiste ese acordo e cales son os beneficios para a nosa comunidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade