Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa inicia o proceso de reactivación das cubas na factoría de San Cibrao

Alcoa inicia o proceso de reactivación das cubas na factoría de San Cibrao

As cubas estaban paradas desde xaneiro de 2022

A compañía conta con ter 32 operativas o 1 de abril e todas en 2025

G24.gal 02/01/2024 18:58

A planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao iniciou o proceso de reactivación das cubas a fin de cumprir coa planificación prevista. A compañía anunciara que o obxectivo é que o día 1 de abril deste ano estean en funcionamento polo menos 32.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, avanzou que os traballadores pediron unha reunión á empresa a próxima semana para que os informen dos "pormenores". Segundo Zan, este proceso aínda está en fase preliminar con traballos como "picado de cubas” ou “limpeza”, en que xa se está “traballando", dixo.

Con todo, afirmou que o comité de empresa non coñece as datas chave para a posta en marcha xa que aínda faltan por completar “os fitos do prequentamento das cubas, metidas de tensión e primeira tonelada que saia dunha cuba".

Segundo a proposta acordada no seu día, Alcoa tería polo menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e reactivaría o cento por cento das cubas o 1 de outubro de 2025.   

A produción de aluminio primario de San Cibrao parou en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo cos representantes dos traballadores alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023, houbo unha modificación do acordo polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario en xaneiro de 2024.

O 2 de outubro de 2023, a compañía procedeu á paralización de fundición de aluminio que aínda funcionaba. Posteriormente, a empresa anunciou a suspensión do investimento do forno de cocción para ánodos que estaba pendente.  

Pola súa banda, a pasada semana o Goberno realizou unha modificación normativa para desbloquear cinco parques eólicos da provincia de Lugo chamados a fornecer enerxía limpa a planta de aluminio, que contaban cunha declaración de impacto ambiental positiva, aínda que se atopaban bloqueados ao non ser realizada en prazo a súa tramitación.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade