Chega a primeira nevarada do ano á alta montaña
Chega a primeira nevarada do ano á alta montaña
En Manzaneda xa caeron as primeiras folerpas e a temperatura descendeu a 2,5 graos baixo cero durante a pasada madrugada
Conta atrás para a posible apertura das pistas de esquí
Segundo Meteogalicia, unha fronte de aire frío e inestabilidade deixará chuvascos de neve a partir dos 800 metros
A montaña de Ourense e Lugo está en aviso amarelo por neve este venres, ao entrar en circulación desde o noroeste unha fronte de aire frío e inestabilidade.
En Manzaneda xa caeron as primeiras folerpas e a temperatura baixou aos 2,5 graos baixo cero durante a pasada madrugada.
A simple vista pode parecer que coa primeira nevarada do ano xa caeu neve dabondo como para poder esquiar nas pistas da estación de Manzaneda, pero de momento non é así. Cómpre agardar a ver como evolución a nevada este venres, segundo Víctor Picos, o director da estación de esquí.
"Si que é verdade que caeron sobre 15 centímetros na parte de arriba e entre 5 e 10 na parte de baixo, pero aínda temos que seguir traballando un pouco para poder abrir as pistas. A xente ve isto e xa quere esquiar, pero temos un proceso".
Ese proceso é o que hai que facer para preparar a neve das pistas, tanto a que cae das nubes coma a que están producindo as máquinas agora que baixaron as temperaturas.
"Cando cae neve artificial ou natural, ao pasar as máquinas de pisar as pistas para poder esquiar ben, quedaría en moito menos".
En calquera caso este é un proceso que se fai con relativa rapidez; só demoraría entre 12 e 24 horas, pero antes ten que haber materia prima suficiente e iso dependerá de canto neve e sobre todo, de que non chova nin haxa moita néboa, porque a humidade estraga a neve.
"Nós estamos preparados; agora dependemos do tempo. Todas as instalacións e os remontes están listos".
Neve na montaña luguesa
Cando esta noite os Reis Magos pasen polo Cebreiro atoparano frío, nevado, como tradicionalmente nestas datas, segundo nos conta José Luís, un dos veciños desta montaña.
Malia que non neve tanto, as folerpas atraen xente dende primeira hora da mañá.
Nin o frío nin a neve escorrentan os peregrinos, que non cesan. Hoxe son coma pingas, e a paisaxe nevada engaiola a todos, como nos conta Javier, que fixo o Camiño 17 veces.
Esta noite as precipitacións seguirán sendo en forma de neve no Cebreiro, coa cota nos 1.00 metros.
Segundo informou Meteogalicia, esta fronte deixará chuvascos de neve a partir dos 800 metros. Entre as 00:00 horas do venres e a mesma hora do sábado, espérase unha acumulación de 10 a 20 centímetros.
As temperaturas mínimas oscilarán entre os 4º de Lugo e Santiago e os 8º da Coruña, mentres que as máximas non superarán os 13º. En Lugo prevese que a máxima sexa de 8º.
Por outra banda, a costa da provincia da Coruña tamén estará en aviso amarelo por fenómenos costeiros, con mar de fondo do noroeste que deixará ondas de 4 a 5 metros. Esta alerta permanecerá activa entre as 15:00 horas e as 21:00 horas do venres.