Alerta laranxa activa no litoral por temporal costeiro e vento
Alerta laranxa activa no litoral por temporal costeiro e vento
Desde o noroeste da provincia da Coruña ata as Rías Baixas
Para o domingo hai previsión de chuvias e vento forte tamén no interior das provincias da Coruña e Pontevedra
Toda a costa da Coruña e as Rías Baixas están en alerta laranxa por mor do vento de forza oito e da ondada, que pode chegar aos 6 metros na Costa da Morte.
A Dirección Xeral de Emerxencias ampliou esta alerta ante os avisos decretados pola AEMET, que mantén para mañá o laranxa no litoral e o amarelo no interior da Coruña, Pontevedra e Lugo por chuvias e vento.
Con ventos do sur que foron aumentado durante o día e refachos máximos por enriba dos 100 quilómetros por hora no oeste e suroeste da provincia da Coruña, a Aemet ten activado deste este mediodía ata última hora da tarde de mañá un aviso laranxa desde Ribeira ata Camelle.
Súmase ademais o aviso do mesmo nivel por fenómenos costeiros que está activo entre Bares e Carnota e que se amplía durante a madrugada ao litoral do sur da Coruña e ás Rías Baixas. A zona máis afectada con ventos de forza 8 é a comprendida entre Fisterra e as Sisargas.
Con estas condicións a Dirección Xeral de Emerxencias aumentou durante este sábado a alerta laranxa por temporal costeiro ás Rías Baixas e ao litoral do suroeste da Coruña, que aumentou a que xa había no noroeste da provincia.
Aínda así, durante este sábado puideron verse persoas alleas ás recomendacións de precaución bañándose no mar, incluso cando concellos como o da Coruña pecharon praias, parques e xardíns.
Con aviso amarelo, as previsións de chuvia para o domingo indican que a precipitación acumulada en 12 horas pode chegar aos 60 litros por metro cadrado en parte da provincia da Coruña e Pontevedra. A provincia de Lugo tamén terá aviso amarelo por vento tanto na costa coma no interior.