O alumnado volverá xogar no recreo sen máscara antes da Semana Santa
O alumnado volverá xogar no recreo sen máscara antes da Semana Santa
A vacinación da segunda dose da poboación infantil rematará a mediados de marzo
O avance da vacinación da poboación infantil permite albiscar un panorama de alivio das restricións nos centros educativos. De momento, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña di que cómpre prudencia, pero agarda que arredor do 15 de marzo a maioría do alumnado teña posta a segunda dose.
"Estamos no 83 por cento dos nenos vacinados con primeira dose e estamos traballando intensamente na segunda, cando rematemos a vacinación da segunda dose poderemos pensar, nun contexto de máis seguridade, nas medidas. Esperamos que arredor do quince de marzo a teñan os nenos que son candidatos a poñela".
Non todo o alumnado é candidato a completar a pauta nestes momentos. Os nenos que pasaron a covid despois de pór a primeira dose deberán agardar oito semanas para pór a segunda.
"Poderemos alixeirar en primeiro lugar esa condición da máscara nos patios de recreo sen descartar outras".
Volver xogar no recreo sen máscara será a primeira medida de volta á normalidade, que se fará realidade, posiblemente, antes das vacacións de Semana Santa.
"Esperemos que poida ser algo antes se a situación segue evolucionando do xeito adecuado".
Galicia confía tamén en que pronto se dean as condicións para reducir as corentenas.