Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gómez-Reino: "Estou convencido de que non hai alternativa que non sexa ir todos xuntos"

Gómez-Reino: "Estou convencido de que non hai alternativa que non sexa ir todos xuntos"

O deputado de Galicia en Común confía en que finalmente haxa un acordo para que Podemos concorra con Sumar ás próximas eleccións xerais

Entende que a ausencia do secretario xeral de Podemos Galicia no acto foi "un exercicio de responsabilidade coa súa organización"

G24.gal 03/04/2023 10:29

O deputado de Galicia en Común e exsecretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, di que está convencido de que finalmente Podemos e Sumar chegarán a un acordo para concorreren xuntos ás próximas eleccións xerais.

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Gómez-Reino evita as críticas á dirección do seu partido por non asistir ao acto que lanzou a candidatura de Yolanda Díaz e defende a súa presenza no evento como fixeron tamén outros cargos do grupo confederal. 

"Creo que os partidos son transcendentais, fundamentais para articular a sociedade, pero creo que tamén temos que saber escoitar a cidadanía. Os cidadáns queren que Yolanda Díaz sexa candidata dun espazo moi amplo onde sen dúbida estea Podemos", apuntaba Gómez-Reino.

"Eu vou traballar para iso, somos moitos e moitas os que imos traballar para iso. Eu son de deixar as cousas orgánicas dentro", explicou na entrevista. 

Antón Gómez-Reino destaca que Yolanda Díaz é "perfectamente consciente, así o dixo en diferentes ocasións, e sabe o papel fundamental que tivo, que ten e que ten que ter a futuro Podemos no noso espazo político e no noso país".

"Eu estou convencido de que non hai outra alternativa que non sexa a de ir todos xuntos e amais creo que ningún dirixente, en realidade, está noutra coordenada", afirma.

Primarias abertas

Defende Gómez-Reino que as primarias abertas, que reclama Podemos, non van ser un atranco e que "haberá primarias abertas. Somos o primeiro espazo político que o fixo no 2015 e estou completamente de acordo con Ione pero tamén con Yolanda Díaz que dixo esta mesma semana que efectivamente as candidaturas se ían elixir por primarias abertas á cidadanía". 

Con todo, o deputado de Galicia en Común cre que deberán celebrarse despois das eleccións do 28 de maio porque "meter agora mesmo un proceso de internas sería algo que desviaría a atención".

"Agora o que temos que facer é acompañar as candidaturas municipais e despois será o momento de activar a xente das organizacións e a cidadanía para que decidan quen serán os seus representantes", explicou Gómez-Reino.

Sobre as críticas que recibiu por parte de Pablo Iglesias en que lle recriminaba querer estar sete anos máis ocupando cargos públicos, Gómez-Reino di que Iglesias "está a traballar moito no ámbito mediático. Eu estou á disposición do meu partido e da candidatura de Yolanda Díaz para o que decidan". 

Explicou Gómez-Reino que o secretario xeral de Podemos Galicia, que finalmente se ausentou do acto de Díaz a pesar de que anunciara a súa presenza, fixo "un exercicio de responsabilidade coa súa organización" e empraza ás explicacións que dará Borja San Ramón nos próximos días. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade