Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gómez Reino tende a man aos críticos para unha candidatura de unidade ás primarias

Gómez Reino tende a man aos críticos para unha candidatura de unidade ás primarias

A formación morada inicia hoxe o proceso para escoller nova dirección con tres listas

G24.gal 21/11/2022 11:37

O actual secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, confirma a súa candidatura ás primarias da formación morada, un proceso que se inicia este luns. A lista de Gómez Reino levará o nome de 'Tecer Galicia, Tecer Podemos'. Confía Gómez Reino en integrar ás outras listas alternativas á súa, 'Rexurdir Podemos Galicia' e 'Renova Podemos'. 

Nunha entrevista no Galicia por diante, Gómez Reino defende que "é momento de continuar co traballo que levamos feito moitos anos. Nós esperamos e aspiramos a que sexa unha candidatura de unidade, pero imos ver o que acontece nos próximos días". 

Gómez Reino rexeita as críticas de 'Rexurdir Podemos Galicia' que o acusa de levar o partido á súa desaparición e de estar máis cerca do proxecto político de Yolanda Díaz que do da dirección de Podemos. 

"As críticas son lexítimas, todo o mundo ten que ter espazo para poñer enriba da mesa as críticas. Os números están aí. A nosa organización pasou, cando a recollemos, de ter seis círculos a ter preto de sesenta. Acabamos de pechar unhas primarias municipais con  50 candidatos e candidatas. Desde a máis fondo humildade, creo que nos últimos catro anos conseguimos que a nosa organización, que viña dun tempo convulso, fora un espazo no que non houbera ningún tipo de nova de discusión, de fractura que si houbo en anos anteriores. Creo que conseguimos construír unha cultura política de integración, de comprender as diferentes posicións de compañeiras e compañeiros e niso imos seguir". 

Gómez Reino evita entrar a valorar as críticas do ex secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, a Yolanda Díaz e a Sumar, a plataforma que impulsa a vicepresidenta segunda. 

O actual secretario xeral de Podemos Galicia di que "Pablo fai un papel no ámbito comunicativo e cultural. O que hai que poñer en valor é o que están a dicir a dirección de Podemos a nivel estatal. O que están dicindo as compañeiras coma Irene Montero e Ione Belarra. E polo demais o que hai que facer é normalizar a situación. A xente o que ten claro é que o fundamental é que construamos unha síntese entre o que significa Podemos, o que ten significado Podemos nos últimos anos, o que ten conseguido Podemos e Unidas Podemos no goberno e nos ámbitos institucionais nos que está, e o que representa Yolanda Díaz que é o rigor, unha esperanza porque moita xente a ve coma unha posibilidade de que sexa unha magnífica presidenta do goberno. Creo que atoparemos esa síntese". 

Con todo, non quere concretar se estaría a favor dunha coalición ou dunha integración dentro de Sumar, así destaca que "queda moito tempo para as xerais, un ano, iso téñeno que decidir as direccións políticas e as bases. Non me cabe dúbida de que cando haxa unha decisión por parte da executiva de Podemos a nivel estatal e se faga unha proposta pasará ao referendo e ao voto das inscritas e dos inscritos".  

Sobre a coñecida coma "lei de só si é si", Gómez Reino cre que cómpre agardar a que se pronuncie o Supremo antes de pensar nunha reforma da norma. Considera que "o que temos é un tema de interpretación xurídica. Hai unhas cantas sentenzas que reduciron penas e hai sentenzas que non. Hai que agardar a que o Supremo xere xurisprudencia". 

Si entende Gómez Reino que está a haber un "acoso inédito" á ministra de igualdade, Irene Montero, por parte " da dereita política e da dereita mediática" e hai "incomprensión sobre a norma". 

Por outra banda, Gómez Reino cre que a proposta do Goberno sobre a reforma do delito de sedición ou unha posible reforma do delito de malversación presentada por outros grupos políticos, caso de ERC, deberá ser "meticulosa". 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade