Publicador de contidos
Publicador de contidos

Anulan as escoitas ao exalcalde de Ribadumia Nené Barral nun caso de contrabando

Anulan as escoitas ao exalcalde de Ribadumia Nené Barral nun caso de contrabando

Barral foi detido en 2001 tras a incautación de catro contedores con 432.000 paquetes de tabaco no porto de Vigo

A Audiencia de Pontevedra deberá fixar agora a data para retomar o xuízo contra Nené e outras oito persoas

A Fiscalía pedía para Barral dez anos e medio de prisión polos delitos de asociación ilícita, contrabando, revelación de segredos por funcionario público e suborno

G24.gal 02/02/2023 20:26 Última actualización 02/02/2023 20:40

A Audiencia de Pontevedra anulou todas as escoitas telefónicas realizadas no marco da investigación contra o exalcalde de Ribadumia José Ramón Barral Martínez por contrabando de tabaco.

Nené Barral, que gobernou Ribadumia entre 1983 e 2001 nas filas de Alianza Popular e o Partido Popular, foi detido en maio de 2001 tras a incautación de catro contedores con 432.000 paquetes de tabaco camufladas nun barco que atracou no porto de Vigo.

A Fiscalía considera o exrexedor, xa octoxenario, como o líder dunha organización criminal dedicada á introdución en Galicia de tabaco de contrabando.

A anulación destas gravacións, unha das principais probas de cargo contra Barral, foi solicitada pola súa avogada Carmen Ventoso ao entender que se conseguiron de maneira irregular.

Esta decisión implica ademais que se deben desestimar todos os achados e probas que se obtiveron contra os acusados por mor desas escoitas, que se realizaron desde o 11 de febreiro de 1999, dous anos antes de que se producise o arresto do exalcalde.

O auto tamén estima que se vulnerou o dereito á tutela xudicial efectiva ao incluír nos escritos de acusación uns feitos referidos ao buque Castle Town III, que, con todo, non aparecían no auto de transformación en procedemento abreviado deste expediente.

A Audiencia de Pontevedra deberá fixar agora a data para retomar o xuízo contra Nené Barral e outras oito persoas, suspendido á espera de resolver estas cuestións previas.

A Fiscalía pedía para Barral dez anos e medio de prisión polos delitos de asociación ilícita, contrabando, revelación de segredos por funcionario público e suborno.

Outros tres dos acusados faleceron antes de que este caso chegase a xuízo, tras máis de dúas décadas de instrución.

Ademais, o fiscal reclama que o exrexedor aboe unha multa de quince millóns de euros pola súa actividade continuada no ámbito do contrabando de tabaco.

Unha organización que introducía en España tabaco de contrabando

Os investigadores consideran que Nené Barral lideraba un grupo "organizado, estable e xerarquizado" para introducir en España tabaco de procedencia extracomunitaria, tanto por vía marítima como terrestre, a través de dous pesqueiros e un buque mercante.

Esta organización, en que colaboraban persoas de nacionalidade portuguesa, holandesa, suíza, croata, norteamericana, inglesa e polaca, operou fundamentalmente entre os anos 1996 e 2001 e tiña o seu centro de operacións nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Durante todo ese tempo, segundo os datos de Facenda, acumularon unha débeda tributaria pola importación deste tabaco de contrabando que rozou os cinco millóns de euros.

A Fiscalía, no seu escrito de acusación, documenta polo menos tres operacións de gran calado, que, segundo as autoridades, Barral xestionaba mesmo desde o seu despacho no Concello.

O exalcalde, subliña o fiscal, "mantiña estreitos lazos de amizade con gardas civís e simultaneamente dispoñía de información sobre as actuacións de Vixilancia Aduaneira" para garantir o éxito das súas operacións de contrabando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade