Publicador de contidos
Publicador de contidos

Anxo Queiruga: "'Diminuído' é desfasado e pexorativo, ninguén se pode dirixir así ás persoas con discapacidade"

Anxo Queiruga: "'Diminuído' é desfasado e pexorativo, ninguén se pode dirixir así ás persoas con discapacidade"

"O importante é que se sumen todas as forzas políticas. Nestes temas non debería haber ningún tipo de xogo político", di o presidente de COGAMI sobre a reforma da Constitución para desbotar o termo 'diminuído'

G24.gal 26/01/2023 10:21

O Goberno e o Partido Popular chegaron a un principio de acordo para reformar puntualmente a Constitución. Avanzaron en cambiar o artigo 49 e substituír o termo 'diminuído' por 'persoas con discapacidade'.

Anxo Queiruga, presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e vicepresidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), explicaba este xoves nunha entrevista no programa 'Bos días' que "é unha terminoloxía que quedou desfasada e é pexorativa, ninguén se pode dirixir ás persoas con discapacidade dese xeito, e vivimos nun país avanzado e falarlle ás persoas como corresponde é o que toca".

O proceso para chegar a este punto no que xa todo parece atado para que esa reforma se faga realidade non foi sinxelo: "Traballamos conxuntamente dende o CERMI. Mantivemos reunións cos distintos grupos políticos, co PSOE e co PP. Tras a chegada de Feijóo a Madrid, no primeiro encontro co Partido Popular, había dispoñibilidade de aceptar o texto que propoñíamos e simplemente requiríase que houbese un informe do Consello de Estado que avalase esta reforma neses termos", explica Queiruga.

Nas próximas semanas ese acordo debe materializarse, e desde as asociacións que representan ás persoas con discapacidade agardan que todas as forzas se sumen e a reforma se materialice no Congreso por unanimidade: "Aquí o importante é que se sumen todas as outras forzas políticas. Nestes temas non debería haber ningún tipo de xogo político", afirma o presidente de COGAMI.

"Estamos a falar de recoñecer e de poñer no artigo 49 da constitución desbotar o termo diminuído e poñer persoas con discapacidade, que é o que ten que ser, e isto calquera pode entender que non debe xerar ningún tipo de enfrontamento ou debate", asegura. "Hai que incorporar persoas con discapacidade. Sempre diante persoas".

A reforma constitucional chega nun contexto histórico moi diferente do que había no momento moi distinto do que había cando foi aprobada no ano 1978. Para o colectivo de persoas con discapacidade, os tempos tamén mudaron. "Foise avanzando. Pasamos de ser inválidos, de ser inútiles, de ser diminuídos, de ser tolleitos..., en fin, que sempre a terminoloxía foi moi despectiva e irrespectuosa coas persoas con discapacidade", di Anxo Queiruga. "Desde que temos a convención da ONU para este colectivo parece que todo o mundo lle valeu esta terminoloxía [que agora adopta a Constitución]".

Esa evolución hai anos que a fixeron as asociacións que agrupan estes colectivos. E así, COGAMI ou CERMI, e tantas outras, inclúen nas súas siglas a referencia á minusvalía, que se adoptou cando foron fundadas, pero nos seus nomes oficiais xa foi desbotada. "COGAMI mantén a marca, pero nos estatutos e no nome xa non aparece a palabra 'minusválido', e o mesmo ocorre con CERMI-Galicia, que é Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade. As entidades do sector social xa hai moitos anos que mudaron os seus estatutos", explica Anxo Queiruga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade