Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia activa o plan de emerxencia; os servizos asistenciais funcionan "con normalidade"

Galicia activa o plan de emerxencia; os servizos asistenciais funcionan "con normalidade"

O 112 recibiu multitude de chamadas de persoas atrapadas en ascensores

Os trens están parados e os semáforos non funcionan

A refinería da Coruña queima gasolina como medida de protección (EFE/Cabalar) A refinería da Coruña queima gasolina como medida de protección (EFE/Cabalar)
G24.gal 28/04/2025 13:39 Última actualización 28/04/2025 16:51

A Xunta activou o plan de Emerxencia de Galicia, segundo explicou o presidente Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta. De contrado o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, trasladouse ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada para facer un seguimento da situación. Máis tarde incorporouse á xuntanza o propio Rueda para unha reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi), en situación de nivel de alerta 2.

Rueda explicou, tras finalizar a reunión do Consello da Xunta, que polo momento os servizos asistenciais e sanitarios estaban "funcionando con normalidade". Xa máis tarde, desde A Estrada, aseguraba que a situación estaba sendo controlada e que as chamadas ao 112 xa eran menos que nos primeiros momentos e que as incidencias estaban resolvéndose.

O 112 de Galicia recibiu multitude de chamadas de persoas atrapadas en ascensores. Os semáforos non funcionan e as redes ferroviarias pararon. 

Chamamento á prudencia

O presidente da Xunta facía un chamamento á prudencia e pedía evitar os desprazamentos innecesarios. "Hai que evitar o consumo de combustible, que é necesario para por exemplo centros sanitarios", aseguraba.

"Moita paciencia e moita prudencia, e que a xente teña a seguridade que todo o que está previsto neste nivel 2 estase facendo, estase facendo de maneira coordinada", afirmou Rueda, quen agardaba que "non houbese que pasar a un nivel máis alto".

"Os servizos de emerxencia 112 e 061 seguen funcionando, redobramos os efectivos para atendelos, e que non dubiden se están nunha situación de emerxencia en chamar e pedir auxilio", concluía Rueda.

Mentres a actividade tanto industrial como comercial reduciuse notablemente. Moitos negocios tiveron que pechar as súas portas.

Na Coruña, a refinería comezou a queimar gasolina, e das súas chemineas sae un fume rechamantemente negro, como medida de emerxencia e mecanismo de seguridade.

As factorías tratan de manter a actividade, con xeradores ou fontes de enerxía propias, como ocorre en Vigo coa planta de Stellantis, onde non se suspendeu a entrada de traballadores da quenda da tarde.

Os aeroportos galegos operan con relativa normalidade, tamén grazas a xeradores eléctricos. Os voos están aterrando e engalando sen apenas incidencias, entre a calma contida dos viaxeiros que agardan noticias sobre se o incidente afecta os seus plans de viaxe.

Máis problemas hai co servizo de ferrocarril, que está totalmente detido. Os usuarios móvense entre a incerteza, a preocupación e as queixas pola "falta de alternativas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade