Aparecen na porta da capela dous santos roubados hai tres anos en Ponte Caldelas
Aparecen na porta da capela dous santos roubados hai tres anos en Ponte Caldelas
As imaxes deixáronas á porta da capela de San Roque case tres anos despois de que desapareceran do retablo
As imaxes do Sagrado Corazón e da Santísimia Trindade volven estar no lugar que ocupaban ata hai case tres anos na capela de San Roque de Ponte Caldelas. Faltaron ese tempo porque alguén as levou despois de rachar o cadeado da porta. Iso si, para o acto da devolución o autor aplicou máis delicadeza.
"Un veciño chamoume e díxome: mira, que na capela de San Roque hai dous santos á porta.
Fará dous anos e medio ou tres, porque foi antes da pandemia. A nosa sorpresa foi que dúas das imaxes roubadas apareceron arrimadiñas á porta da capela. Realmente estaban tratadas con cariño; é dicir, apoiadas. Non estaban tiradas de calquera xeito", di Trini Carballo, expropietaria da capela.
Feitas de escaiola, neste tempo de ausencia unha das figuras perdeu unha man e a outra, as dúas. Sobre o quen e o por que do roubo e da devolución non se sabe.
"Son unha persoa crente e quero pensar que quen as levou non estaba satisfeita coa falcatruada ou na súa familia non ía todo moi ben e igual decidiu devolvelas. Eu quedei contenta con que as devolvera, pero non sei quen, nin como", subliña Trini Carballo.
O santuario e a parcela en que está construído ao lado do río Verdugo é agora propiedade do Concello de Ponte Caldelas. Mercoulla á Sareb, despois de que fracasara o proxecto dun empresario que a comprara para levantar un balneario.
Nos últimos vinte anos a capela foise deteriorando pola falta de mantemento e por accións vandálicas. Da súa imaxinaría aínda falta por recuperar unha peza máis e o can da figura do santo que lle dá nome á ermida.