Arde unha embarcación abandonada sobre o peirao de Porto do Son
Arde unha embarcación abandonada sobre o peirao de Porto do Son
O sinistro tivo lugar a poucos metros de distancia do fornecedor de carburante dos barcos
Bombeiros do parque de Ribeira volvían esta mañá ao lugar para revisar a zona e completar o informe dun sinistro relevante pola situación en que se produciu. Foi minutos antes das nove da noite deste martes cando chegou a alerta do lume nunha embarcación de fibra que podería conter hidrocarburo no seu depósito.
Polo que nos contaron, o barco levaba máis dunha ducia de anos sobre unha estrutura de transporte aparcada moi preto do punto en que se fornecen de carburante os barcos no peirao de Porto do Son. Os bombeiros encontráronse onte xa de noite cun foco de lume que devorou completamente o que quedaba da cabina da embarcación.
"Estaba incendiada na parte interior. Procedemos á extinción e logo sufocación e arrefriamento a través de escuma. Colaborou con nós o GES de Noia e a agrupación de Protección Civil de Porto do Son", sinala Óscar Casais Montemuíño, sarxento xefe do parque de bombeiros de Ribeira.
O lume arrasou con todos os elementos combustibles que había de casco para enriba e para dentro.
"É unha embarcación de fibra e, en principio, a parte interior quedou completamente destruída, claro", sinala Casais.
Ao lado, moi preto, está tamén desde hai tempo outra embarcación de aparencia abandonada que non foi alcanzada polo lume. Por alí comentan que as dúas estaban a ser utilizadas como lugar de celebración de botellóns. Os bombeiros tiveron tarefa neste sinistro durante máis de hora e media.
"Para evitar que houbese reproducións e demais selamos todo o que é o interior con escuma. Para que quedara ben frío e ben sufocado o incendio, polo que rematamos aproximadamente ás once menos vinte da noite", explica Óscar Casais, o xefe dos bombeiros.
Un dos motivos polos que os bombeiros volveron esta mañá foi comprobar que non existía fuga de produto contaminante ao mar. Remataban o seu traballo e agora corresponde a Portos de Galicia determinar como retirar os restos contaminantes que hai dentro e por baixo do barco incendiado, e mesmo decidir que facer co que queda da embarcación.