Arrasada unha nave dunha explotación gandeira de Muras nun incendio causado por un raio
Arrasada unha nave dunha explotación gandeira de Muras nun incendio causado por un raio
A descarga produciu danos na maquinaria que estaba fóra, na corte e mais na vivenda
Un incendio provocou cuantiosos danos materiais nunha explotación gandeira de Vilarcovo, na parroquia murense de Irixoa.
A estrutura dunha nave colapsou e arderon 200 pacas de herba seca que había no seu interior, ademais de numerosos apeiros. Os donos só puideron salvar parte da maquinaria agrícola.
Fructuoso Manuel Gómez Carballeira, dono da explotación: "Xa estaba todo incendiado, e meu xenro colleu o tractor, eu a segadora e sacámolos para fóra. Tamén sacamos a gasolina que había, que era da motoserra".
Ignacio Martínez, sarxento dos bombeiros de Vilalba: "Cando chegamos, os animais e a maquinaria estaban fóra. Ardeu a palla, e polo tempo de reposta que nos leva chegar ata alí xa estaba toda a nave destruída. Houbo que sacar todo cunha pa e arrefrialo".
Os bombeiros de Vilalba botaron máis de catro horas apagando as lapas.
Segundo os propietarios da nave, o incendio foi orixinado por un raio que caeu a escasos metros e que provocou danos na maquinaria que estaba fóra, na corte e mais na súa propia vivenda, onde todos os aparellos quedaron estragados.
Fina González Carracedo, dona da explotación: "Veu coma un tremor cun ruído moi forte e xa empezou a fumear pola casa. Saíu meu marido de acolá pensando que nos matara".
Fructuoso Manuel Gómez Carballeira, dono da explotación: "Caeu un raio e non deixou nin contador nin lámpadas nin nada. E a liña eléctrica ardeu".
Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, mentres que os inmobles están asegurados.