Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrestado o administrador de lotería de Lugo que denunciara o roubo de 400.000 euros

Arrestado o administrador de lotería de Lugo que denunciara o roubo de 400.000 euros

A Policía Nacional mantivo aberta a investigación a pesar de que a xuíza arquivara o caso

Foi detido xunto coa parella que executou o roubo

G24.gal 12/06/2024 08:48 Última actualización 12/06/2024 13:42

Detido o administrador de lotería de Lamas de Prado, en Lugo, por planear, presuntamente, o roubo de catrocentos mil euros no seu propio establecemento. Os feitos producíronse o pasado catro de xaneiro, cando denunciou o roubo.

O administrador estivo sempre baixo a sospeita da policía polas débedas que acumulaba e porque xusto o día do roubo as cámaras de seguridade do despacho non estaban funcionando. A Policía Nacional mantivo aberta a investigación a pesar de que a xuíza arquivara o caso. Seguiron coas súas pescudas e detivo este martes a Guillermo Rodríguez por planear el mesmo o atraco xunto a unha parella, un home e unha muller de orixe estranxeira, que tamén foron arrestados nas últimas horas.

Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo"Descubriuse quen foron os autores materiais. Unha vez detidos, tomóuselles declaración, e xunto cos indicios anteriores, impútase tamén o responsable da administración de loterías, que foi detido e ingresado nos calabozos". 

Fontes policiais informaron a EFE de que a detención destas dúas persoas se produciu en Madrid e foi esta circunstancia a que precipitou o arresto do que é considerado polos investigadores como principal responsable do atraco. Determinados indicios, incluído o comportamento do propio administrador, fixeron sospeitar desde o primeiro momento a Policía Nacional da súa versión sobre o suposto atraco á administración de lotería dous días antes do Sorteo Extraordinario do Neno.

A principios de abril, a maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relativas a ese atraco ao non apreciar indicios de delito por parte do propietario do negocio. A xuíza instrutora afirmou nun auto que non existían “motivos suficientes para imputar a determinada ou determinadas persoas como autoras, cómplices ou encubridoras” dese atraco, polo que rexeitou autorizar as medidas solicitadas pola Policía Xudicial no marco das pescudas, como demandar ás compañías telefónicas xeolocalizacións de teléfonos móbiles ou a entidades bancarias información sobre determinadas contas.

No auto explicaba que a hipótese sobre a que pivotaba a investigación policial, pola cal se podería concluír que o denunciante estaría implicado nos feitos, se fundamentaba en sospeitas porque non se percibía “absolutamente ningún indicio racional de criminalidade” en relación co administrador. Ademais, advertía dunha “posible vulneración do dereito de defensa” do mesmo en dependencias policiais, "previamente á xudicialización da causa", pois tomóuselle "declaración en sucesivas ocasións como denunciante, mesmo cando xa existían sospeitas policiais fronte ao mesmo, con obrigación de dicir verdade”. “Toda a construción da hipótese”, engadía, fundamentábase “en sospeitas, en ningún caso indicios, que non poden asumirse”. Coas probas que lle presentaron entón, entendía a maxistrada, non se podía “establecer ningún nexo minimamente fundado co atraco investigado”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade