Arrinca a campaña do ourizo en Bueu con boas expectativas
Arrinca a campaña do ourizo en Bueu con boas expectativas
As primeiras capturas acadaron un prezo medio de 16 euros o quilo
Sairán tres días por semana cun tope de 80 quilos por embarcación
O ourizo regresa á lonxa de Bueu despois de medio ano, e faino con boas cotizacións. Estreouse cun prezo medio de case 16 euros o quilo e as expectativas son boas.
"Polo de agora cóllese ben o tope máximo que nos marcamos, de 80 quilos por cada unha das embarcacións do plan conxunto de Bueu e Portonovo. No mar vemos que hai recurso", explica Abraham Padín, un dos mergulladores que recolle ourizo.
"Vese moi ben, o ourizo dá a medida, é grande, e ten un rendemento bastante bo", engade Adriana García, técnica da confraría de Bueu.
O ourizo é un recurso estratéxico nas rías e cómpre preservalo para o futuro. Por iso aquí decidiron, voluntariamente, baixar de 100 quilos a cota por embarcación e os días para collelo.
"Normalmente iamos catro días á semana, e agora estamos indo tres. Dependerá do tempo e dos prezos iremos máis ou menos. Se están por baixo dos once euros directamente non sairemos ao mar", matiza Abraham.
Tamén fan un estrito control das medidas comerciais, que non poden baixar dos cinco centímetros e medio. É un xeito de conservar este recurso destinado fundamentalmente ao mercado internacional, onde as gónadas do ourizo se consideran todo un manxar.
"Xeralmente vai para o estranxeiro, a países como Francia, Italia ou Alemaña. Cada vez acoutamos máis a oferta e o prezo sobe. A nivel Europa é un produto que se busca moito e non hai moitos lugares en que se extraia", di Abraham.
A campaña remata o 30 de abril, aínda que é posible que, coma outros anos, adianten o peche para darlle unha protección extra ao caviar das nosas rías.