Publicador de contidos
Publicador de contidos

As alternativas a liderar o BNG din que “nacen con espírito construtivo” e “mostra de pluralismo”

As alternativas a liderar o BNG din que “nacen con espírito construtivo” e “mostra de pluralismo”

Noa Presas di que é "absolutamente natural" que haxa máis candidaturas para liderar o BNG: "O noso marco é o compañeirismo"

 Gustavo Barcia di na presentación da candidatura que Alicerce nace cun espírito "claramente construtivo"

G24.gal 23/11/2024 13:14

O BNG vai celebrar o día 1 de decembro a súa XVIII Asemblea no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

Nesta cita prevese que a líder e voceira nacional do BNG, Ana Pontón, revalide o seu liderado á fronte do Bloque pero nesta ocasión preséntanse outras dúas alternativas: A lista da deputada autonómica Noa Presas e a lista encabezada polo voceiro municipal de Mos, Gustavo Barcia. As listas alternativas din que é "absolutamente natural" que haxa máis candidaturas e que a "diversidade enriquece o BNG".

En Movemento, a lista de Noa Presas

A deputada do BNG, Noa Presas, defendeu este sábado que a presentación da súa candidatura, En Movemento, á asemblea que os nacionalistas celebrarán o próximo 1 de decembro e asegura que iso mostra "a pluralidade interna" da formación. Insistiu Presas en que no Bloque "nunca hai contrarios", xa que o seu marco, apuntou, "é o do compañeirismo".

Noa Presas fixo estas declaracións, ante as preguntas dos xornalistas, tras presentar en Santiago a campaña do BNG con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Presas sinalou que hai "outros partidos como o PP "que traballan "baixo outros parámetros" e aos que lles pode "sorprender" que haxa máis dunha candidatura para liderar o BNG.

Neste acto Presas estivo acompañada doutras mulleres da formación, como a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, número 2 da candidatura de Ana Pontón. 

"Desde logo, para nós, é algo absolutamente natural e, da mesma maneira que o feminismo é plural e diverso e tece consensos desde as visións diferentes que temos cada unha, iso é o que facemos no BNG, o que facemos todos os días no noso traballo institucional no Parlamento, nas asembleas locais e comarcais e na asemblea nacional na que todos imos achegar as nosas visións para seguir traballando en ser o que somos e o que imos ser no futuro: a alternativa ao PP cada vez máis forte e sempre imparable", reivindicou a deputada do BNG.

Noa Presas, membro do colectivo interno Movemento Arredistas, encabeza a candidatura En Movemento. A parlamentaria autonómica presenta, do mesmo xeito que Pontón, unha lista completa, conformada por 50 persoas, aínda que o regulamento permite que se poidan presentar candidaturas cun mínimo de 15 nomes.

Entre estes nomes están o concelleiro coruñés David Soto no número dous, e Julio Conde, militante que concorreu no número 11 da lista do BNG pola Coruña ás autonómicas, no tres. Na candidatura tamén aparecen nomes de sindicalistas da CIG como Anxo Noceda e Manuel Simón, así como portavoces e militantes de distintas localidades de todo o territorio galego.

Alicerce, a candidatura encabezada por Gustavo Barcia

Gustavo Barcia dixo este sábado na presentación da candidatura en Santiago que Alicerce nace cun espírito "claramente construtivo" e para "mellorar" a formación nacionalista, para poder fortalecer os principios e poñer en común as ideas e participar dunha forma máis activa na propia organización". Explicou que o seu colectivo ten tres eixes fundamentais: reforzar a participación da base militante en todos os sectores do BNG, a igualdade e a diversidade e o ecoloxismo. 

Salientou que a igualdade é fundamental na súa organización e que actualmente vívese un momento de "ofensiva reaccionaria contra o feminismo" e débense reforzar "os poucos avances" que se conseguiron nos últimos anos, non só co discurso político, senón coa formación e a divulgación.

En materia de ecoloxismo subliñou que se debe de ter un "discurso claro, estudado cientificamente e contundente" que ten que "ir da man" dun "cuestionamiento absoluto" do modelo capitalista que "está disposto" a "arrasar o planeta" para beneficiar uns poucos. 

"En Galicia coa a escusa dunha falsa economía verde preténdese impoñer unha 'expansión' eólica que non é sostible, nin é respectuosa co medio e con Galicia", criticou.

Barcia defendeu que no BNG haxa diferentes candidaturas para a próxima asemblea nacional e é que a "diversidade de pareceres e opinións" é algo que "enriquece e potencia" a organización e "permite ampliar" a súa base social para chegar a máis sectores da sociedade.

 "Alicerce nace coa vontade de construír dentro do BNG para que Galicia teña un presente e un futuro máis democrático, máis feminista, máis diverso e ecoloxista", dixo Barcia.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade