O sector galego do taxi constata a escaseza de condutores con licenza
O sector galego do taxi constata a escaseza de condutores con licenza
As principais asociacións aseguran que hai unha descompensación porque aumentou a demanda tras a pandemia
Quéixanse dos prezos dos seguros e da demora na convocatoria de exames para obter a acreditación
En Galicia hai 3.462 licenzas de taxi. Vigo, a cidade máis poboada, conta con 546, na Coruña teñen 522 e en Santiago 147. No sector recoñecen que hai unha descompensación e que en momentos puntuais, como as noites, poden faltar taxis porque desde a pandemia aumentou a demanda, mentres que o seu traballo volveuse máis lento.
"Cidades a 30 (quilómetros hora), que non me parece mal, hai moitas rúas polas que antes se podía circular e agora son peonís. Custa un pouco máis de tempo completar o servizo. Sendo os mesmos taxis, vaise máis a modo e fanse menos servizos durante a xornada", asegura Manuel Sánchez Quindimil, presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia.
Outro dos problemas é a demora na convocatoria de exames para obter a acreditación de taxista, o que dificulta a contratación. Pero, sobre todo, a carestía dos seguros.
"É moi complexo conseguir un seguro, e moi caro. E eses custos hai que aplicarllos ao traballo. E a maioría das compañías xa non collen taxis con condutor asalariado", explica Emilio Mosquera, presidente da Unión de Taxistas Galegos.