Publicador de contidos
Publicador de contidos

As axencias de viaxe notan un incremento de clientela para as vacacións de verán

As axencias de viaxe notan un incremento de clientela para as vacacións de verán

Tras a pandemia aumentaron as viaxes en familia e estas planifícanse cada vez con máis antelación

E iso a pesar de que marchar de vacacións sae máis caro este ano pola suba xeneralizada de prezos

G24.gal 09/04/2023 14:12 Última actualización 09/04/2023 14:33

A Semana Santa toca á súa fin e nas axencias de viaxe levan un tempo traballando arreo ultimando xa a organización de moitas viaxes para maio e para as vacacións estivais.

"Notamos un incremento xa desde xaneiro, febreiro e marzo. Nas axencias de viaxe houbo moito público, moito traballo de presupostos, de xente que preparaba as súas viaxes tanto de agora de Semana Santa coma da ponte de maio, do verán, tamén das lúas de mel", di Juan Antonio Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.

Os destinos máis demandados para as vindeiras vacacións: aqueles nos que os viaxeiros teñan garantido gozar dun tempo solleiro.

"Os galegos sempre buscamos o sol e sobre todo destinos directos, onde haxa voos directos para evitar os grandes aeroportos de enlace, como Madrid ou Barcelona", engade Juan Antonio Rivadulla.

Tras a pandemia incrementáronse considerablemente as viaxes en familia e estas planifícanse cada vez con máis antelación. As previsións do sector falan de que este ano se baterán marcas no número de turistas galegos que viaxarán fóra da nosa comunidade.

"As previsións que temos son que este ano será un ano de récords tanto de turismo receptivo en Galicia coma nas axencias emisoras", destaca o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.

E iso a pesar de que a inflación e a suba xeneralizada de prezos tamén afecta ás viaxes. Este ano marchar de vacacións sae máis caro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade