Publicador de contidos
Publicador de contidos

"As bestas" arrasa nos premios Goya

"As bestas" arrasa nos premios Goya

Unicorn wars, participada pola TVG, mellor fita de animación

O compostelán Luís Zahera, premio ao mellor actor de elenco

Fran Araújo gaña na categoría do mellor guión adaptado

G24.gal 12/02/2023 02:22 Última actualización 12/02/2023 18:49

A fita As bestas foi a gran triunfadora dos Goya de 2023. A película de Rodrigo Sorogoyen fíxose con nove estatuíñas das dezasete ás que era candidata.

Obtivo o galardón ao mellor director para o propio Sorogoyen, á mellor película, ao mellor actor principal para o francés Denis Menochet e ao mellor actor de elenco para o galego Luís Zahera.

Outros dous galardóns viñeron para Galicia, foron para Fran Araújo na categoría do mellor guión adaptado por Un ano, unha noite e para Alberto Vázquez e Chelo Loureiro pola longa de animación Unicorn Wars, participada pola TVG. Segundo Loureiro, é unha película feminista e antibelicista.

Cinco lobitos

Outra das triunfadoras da gala foi Cinco lobitos. Levou os Goya á mellor dirección novel para Alauda Ruiz de Azúa, a mellor actriz protagonista para Laia Costa e a mellor actriz de elenco para Susi Sánchez. Tamén triunfou Modelo 77, que acadou cinco premios.

Telmo Irureta foi o gañador no capítulo do mellor actor revelación polo seu traballo en La consagración de la primavera.

O Goya á mellor película iberoamericana foi para Argentina 1985, dirixida por Santiago Mitre.
Sintiéndolo mucho, de Joaquín Sabina e Leiva recibiu o Goya á mellor canción orixinal.

Homenaxe a Carlos Saura

A gala foi unha continua homenaxe a Carlos Saura, falecido este venres e que tiña que recoller o Goya de Honra.

No seu discurso, o presidente da Academia, Fernando Méndez Leite, aseguraba que Saura era un dos activos máis brillantes da cultura española e salientaba os seus 70 anos dedicados a facer cine.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade