As comunidades veciñais poderán prohibir a morosos o uso de servizos comúns
As comunidades veciñais poderán prohibir a morosos o uso de servizos comúns
A nova lei de impulso á rehabilitación e mellora de vivendas e edificios axiliza as tomas de decisión das xuntas de propietarios e reforza a loita contra a morosidade
"Poderá prohibírselle ao moroso usar aqueles servizos comúns que non afecten á súa habitabilidade, como son as piscinas ou instalacións deportivas", di a vicepresidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia
Nun contexto de crise coma o actual estase a detectar un incremento da morosidade nas comunidades de propietarios.
Carmela Lavandeira, vicepresidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, recoñece: "Xa hai xente á que lle custa pagar a luz, a auga e a calefacción e deixa de pagar cousas. E que deixa de pagar? Pois deixa de pagar a cota de comunidade ou as derramas das comunidades de propietarios".
A nova lei de impulso á rehabilitación e mellora da vivenda e edificios, que entrou en vigor o pasado 16 de xuño, recolle medidas para atallar a morosidade. Entre elas, as xuntas de propietarios poderán prohibir temporalmente o uso de servizos comúns a aqueles que non pagan.
"Non imos pensar que ao veciño moroso non lle vamos deixar subir no ascensor porque non vai ser así. Será en servizos que non afecten á habitabilidade ou á forma de vida da xente, por exemplo, nas urbanizacións imos poder prohibirlles usar a pista de pádel ou de tenis ou a piscina ou o local social para facer festas ou ter convidados", aclara Carmela Lavandeira.
Outra das medidas para facer fronte á falta de pagamento de cotas é a aplicación dun recargo á persoa morosa desde o momento en que contrae a débeda.
"O recargo tamén o vai poder aplicar a comunidade se así o decide unha maioría, pero ten que ser un recargo que a nova norma establece que ten que ser xusto", di Lavandeira.
A nova lei tamén axiliza a toma de decisións por parte das xuntas de propietarios, que poderán adoptar acordos por maioría simple.