Publicador de contidos
Publicador de contidos

As enquisas prognostican a vitoria do PP o 18F, pero non todas lle garanten a maioría absoluta

As enquisas prognostican a vitoria do PP o 18F, pero non todas lle garanten a maioría absoluta

Segundo Sondaxe e NC Report, o PP conservaría a maioría absoluta

Segundo o CIS e Sociométrica, os de Alfonso Rueda poderían perder a maioría absoluta nas estimacións máis baixas para os populares

G24.gal 12/02/2024 09:12 Última actualización 12/02/2024 20:21

Este luns é o derradeiro día en que se poden publicar enquisas, xa na recta final de campaña nas eleccións galegas. As de Sondaxe e NC Report prognostican que o PP mantería a maioría absoluta, pero tanto o CIS como Sociométrica deixan aberta a posibilidade de que a perdan. 

A última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas reflicte unha forte suba do BNG á conta do PSdeG-PSOE, mentres que non lle garante ao PP de Alfonso Rueda a maioría absoluta da que dispón no Parlamento de Galicia.

O estudo do CIS, realizado entre o 5 e o 7 de febreiro, concede ao PP entre 34-38 escanos; ao BNG entre 24 e 31 escanos e a só 7 da maioría absoluta de 38 deputados; mentres que os socialistas sitúanse nun intervalo de entre 9 e 14 deputados, co que sería posible unha maioría alternativa de esquerdas á dos populares.

Destaca na sondaxe o ascenso continuado do BNG -que sobe cinco escanos neste último estudo e oito desde o primeiro realizado en xaneiro-; a baixada, tamén sostida, do PSdeG -que perde agora un deputado e tres respecto a xaneiro- e o estancamento do PP, que non se moveu practicamente desde a primeira enquisa do CIS.

Nesta última mostraxe, o centro que dirixe José Félix Tezanos recolle por primeira vez a posibilidade de que Vox entre no Parlamento galego cun representante, mentres Sumar recuperaría o escano que perdeu no anterior estudo e Democracia Ourensá conservaría a opción dun representante. 

Enquisa do CIS Enquisa do CIS

O CIS volve situar a candidata do BNG, Ana Pontón, como a líder mellor considerada, tras mellorar de novo a súa nota media (5,89 fronte aos 5,74 da anterior mostraxe).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sitúase en segundo lugar, cunha nota de 5,29, mentres que o candidato do PSdeG- PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, obtén un 4,85. Marta Lois, a candidata de Sumar, mantense en terceira posición aínda que sobe a súa nota, especialmente desde xaneiro -cando obtivo 2,27- , ao colocarse con 4,06 puntos.

En canto a cal é o candidato preferido para presidir a Xunta, prodúcese practicamente un empate, ao ser Rueda o favorito para o 35 % e Pontón para o 34,6 %.

O CIS pregunta ademais por cal dos candidatos "se preocupa máis polos problemas de Galicia", e de novo a política do BNG está na cabeza para o 39,4 % dos entrevistados, seguida do candidato do PP (30,7 %) e de Gómez Besteiro (5,5). Nesta cuestión o BNG está á alza e o PP e o PSOE en descenso.

Ademais, preguntados en plena campaña electoral polo CIS por cando deciden os galegos o seu voto, sobe a porcentaxe de quen xa saben a quen votar ao 73,7 % e baixan os que admiten aínda ter dúbidas (23,7 %).

Segundo a de Sociométrica para El Español, a maioría absoluta dos populares tamén podería estar en perigo nesta recta final de campaña. Outórgalles entre 37 e 39 escanos, co 44,6 % dos votos, cando a maioría absoluta está en 38. 

Ao BNG, co 31,1 % de votos alcanzaría entre os 24 e 25 escanos, mentres que o PSdeG quedaría con 11 ou 12 representantes no Parlamento (co 15 % dos votos). Esta enquisa dálle a posibilidade a Democracia Ourensana de ter un deputado, mentres que Vox, Sumar e Podemos quedarían sen posibilidades de entrar no Pazo do Hórreo.  

Enquisa de Sociométrica para El Español Enquisa de Sociométrica para El Español

As de Sondaxe para La Voz de Galicia e a do xornal La Razón, indican que o Partido Popular de Galicia referendaría a maioría absoluta.

Segundo a última entrega da enquisa diaria de Sondaxe publicada na tarde deste luns, os populares manterían a maioría absoluta e lograrían 39 escanos, tres menos, con todo, ca os que teñen agora. A enquisa dálle unha estimación de voto do 45,6 %. O BNG consolidaríase como a segunda forza no Parlamento, obtería 24 representantes, cinco máis ca en 2020 e dobraría en número de deputados aos socialista. O PSdeG quedaría de terceira forza con 12 escanos. Perdería dous dos que ten actualmente e volvería marcar un novo mínimo de escanos no Parlamento, Segundo esta última enquisa de Sondaxe,  Sumar, finalmente, non obtería escano por Pontevedra e quedaría fóra.  Nin Podemos, nin Vox nin Democracia Ourensana obterían representación.

Enquisa de Sondaxe para 'La Voz de Galicia' Enquisa de Sondaxe para 'La Voz de Galicia'

A enquisa de NC Report para La Razón aumenta a maioría do Partido Popular. Lograría entre 40 e 41 escanos, ata tres por riba da maioría absoluta. O BNG quedaría como segunda forza, medraría entre dous e tres escanos e obtería 21 ou 22 representantes. Detrás dos nacionalistas, o PSdeG. Os socialistas perderían ata dous escanos respecto a 2020 e obterían entre 12 e 13 deputados. Esta enquisa tamén lle outorga un escano a Sumar.

Enquisa NC Report para 'La Razón' Enquisa NC Report para 'La Razón'
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade