As empresas piden unha moratoria para o imposto do plástico dun só uso
As empresas piden unha moratoria para o imposto do plástico dun só uso
Entra en vigor o 1 de xaneiro e busca reducir o uso dos plásticos polo seu impacto ambiental
Os empresarios piden un ano de moratoria para preparar o cambio e tildan o gravame de "precipitado e recadatorio"
A OCU defende a medida e pide que non suban os prezos aos consumidores
O 1 de xaneiro España converterase no primeiro país europeo en cobrar un imposto polo plástico dun só uso. Embalaxes como o que fabrica esta empresa santiaguesa para conserveiras ou leiteiras custarán 45 céntimos máis por quilo. Saben que antes ou despois haberá que aplicar as directrices europeas, pero agora piden tempo para adaptarse ao cambio.
"Precisamos unha moratoria porque non estamos a tempo para actualizar o sistema informático con todo o que require Facenda e no resto de países europeos non se está a aplicar" explica José Luis Blanco, o responsable financeiro de Xallas Embalaxes.
As patronais estiman que o imposto suporá un sobrecusto de 690 millóns de euros ao ano para as empresas, xa moi afectadas polo contexto inflacionista actual.
"Subiron os tipos, a enerxía, as materias primas e nun mes imos pagar case 50 céntimos máis por quilo de plástico, e case todos os produtos levan plástico", di José Luis Blanco.
Advirten de que a suba acabará trasladándose aos prezos dos produtos de consumo que conteñan plásticos virxes. Algo que, segundo a OCU, non ten por que ocorrer.
"O imposto ten repercusión moi pequena e non se pode utilizar como escusa para subir os prezos ao consumidor. A redución de plásticos é unha necesidade manifesta polo seu impacto ambiental", argumenta o voceiro da OCU Enrique García.
O imposto busca fomentar a reciclaxe e reducir o uso dos plásticos . Pero en empresas coma esta aseguran que non hai suficiente plástico reciclado para abastecer o mercado e din que, para eles, o gravame é "precipitado é recadatorio".