As luces disparan a ocupación e os prezos dos aloxamentos en Vigo
As luces disparan a ocupación e os prezos dos aloxamentos en Vigo
O custo dos cuartos achégase ao alcanzado na tempada alta do verán
A ocupación dos hoteis en Vigo rolda o 100 %. A gran demanda dos turistas, a maioría chegados á cidade para ver as luces do Nadal, tivo como consecuencia o encarecemento das estancias nun 6 % respecto a anos anteriores. Os prezos están case á altura dos da tempada alta de verán.
Hoxe en Vigo non é doado ou é case imposible atopar aloxamento en hoteis de calquera categoría tanto no centro como nas aforas da cidade. En hoteis de dúas estrelas unha habitación está entre os 160 e os 230 euros e nos de alta gama pode chegar aos 400 o día.
A anticipación de meses nas reservas é o escudo contra os prezos máis elevados.
"A maioría da clientela o que está facendo e ter reservas con moita antelación coa posibilidade de cancelar con datas próximas ao momento da chegada. De feito, os prezos son alcanzables cando reservas con moita antelación. Un hotel de cen habitacións cando xa ten ocupadas 90 ou 95 vai intentar cobralas a prezo de ouro", conta á TVG César Ballesteros, o presidente de FEPROTUR.
"É a oferta e a demanda a que vai facendo o seu estiramento e os prezos van axustándose á necesidade. Porque hai días que se tiveramos o dobre de habitacións encheriámolas. Isto do impacto das luces tivo moito auxe e a xente quere vir velo. Entón cambiou moito o que era un decembro antes, cando isto non tiña esa publicidade e agora mesmo isto xa é unha extensión do verán", explica David Domínguez, do Hotel Agua de Mar.
Independentemente da capacidade económica de cada quen o perfil do turista é transversal. Tanto en dúas estrelas como en catro, os que hoxe visitan Vigo son familias, que veñen nos seus coches, ao 50 % portugueses e ao 50 % españois, a pasar dúas noites na cidade.
Novembro e decembro, segundo o presidente da Federación de Turismo e Hostalaría de Pontevedra, son xunto cos días de outubro da feira de Conxemar os de máis ocupación hoteleira en Vigo, con cifras moi preto xa das dos meses de xullo e agosto, tempada alta das Rías Baixas.