Organizacións financeiras da América Latina ven na alianza con Europa unha oportunidade para solucionar o cambio climático
Organizacións financeiras da América Latina ven na alianza con Europa unha oportunidade para solucionar o cambio climático
Organizacións financeiras da América Latina ven na alianza con Europa unha oportunidade para solucionar o cambio climático
A vicepresidenta de países do Banco Intermaericano de Desenvolvemento, Anabel González, defendeu na RG a protección da Amazonia, un ecosistema único no mundo
González cre que o investimento de Europa na América Latina axudará a fortalecer as boas relacións comerciais
A axenda da primeira xornada do Ecofin centrouse nos proxectos de colaboración entre Europa, América Latina e o Caribe. Alianza iniciada xa no pasado xullo, momento no que a UE comprometía con estas rexións unha partida de investimentos por máis de 45.000 millóns de euros.
Cartos dirixidos a financiar iniciativas en materias como a enerxía, medio ambiente ou dixitalización, pero tamén no eido sanitario, educación, investigación ou transporte.
As organizacións financeiras latinoamericanas ven a colaboración europea unha oportunidade de desenvolvemento económico e social da rexión, ao tempo que recoñecen, estes investimentos, abren unha vía para que a América Latina afronte algúns dos desafíos globais máis importantes, entre eles a seguridade alimentaria ou o cambio climático, xa que esta rexión alberga o 40 por cento da biodiversidade do mundo.
Así o remarcou esta mañá na Radio Galega Anabel González, vicepresidenta de países do Banco Interamericano de Desenvolvemento, ao remate dun encontro no que se abordaron os principais avances no proxecto de protección da Amazonia.
"América Latina e o Caribe albergan o 40 por cento da biodiversidade mundial. A Amazonia absorbe soa a cuarta parte das emisións de CO2 do mundo, protexela é crucial para acadar os obxectivos climáticos globais", incidiu.
Manifestou Anabel González que nun contexto de conflito que ten nun dos actores, Rusia, resulta esencial reavaliar e fortalecer a asociación entre a UE, América Latina e o Caribe. Insiste en que ambas as rexións teñen moito que gañar cunha cooperando en diferentes áreas.
Investimentos da UE en América Latina
A vicepresidenta de países do Banco Interamericano de Desenvolvemento destacou a ampla axenda de investimentos de varios países da UE nestas rexións.
Neste sentido falou da achega de España ó fondo de saneamento da América Latina, a colaboración da Axencia Francesa de desenvolvemento en proxectos sociais ou de infraestruturas, así como a colaboración de Alemaña coa emisión de bonos verdes.
Aclarou Anabel González que non só se trata de investimentos públicos, senón que a rexión tamén está aberta aos investidores privados. Tamén puxo o foco na boa relación comercial entre Europa e a rexión de América do Sur.
Para esta responsable do BID a nova axenda que marca a UE para impulsar o investimento, chega no mellor momento para fortalecer esta tendencia.
Rematou expresando que encontros como o Ecofin son de utilidade na busca de solucións, non só para as rexións involucradas, senón a nivel mundial.