As Palmas, vindeiro rival do Celta, é o pechacancelas sen gañar ningún partido
As Palmas, vindeiro rival do Celta, é o pechacancelas sen gañar ningún partido
Despois de oito xornadas só deu sumado tres empates e acaba de perder no campo do Vilarreal
O Celta xogará este sábado ante a Unión Deportiva As Palmas (18:30 horas, Televisión de Galicia). O equipo que chegará moi apurado á cita ao ocupar a derradeira posición na táboa clasificatoria. É o único equipo da Primeira División que non conseguiu gañar ningún partido e suma tres empates en oito xornadas, a máis dun partido dos postos de salvación.
No derradeiro encontro tivo bos minutos ante o Vilarreal pero acabou perdendo con claridade por 3-1. Empataron despois do descanso, con gol do portugués Fabio Silva, pero os castellonencos acabaron gañando, e iso que fallaron un penalti e cometeron un erro imperdoable nun gol anulado por fóra de xogo.
As Palmas ve porta con facilidade, pero o seu gran problema é a debilidade defensiva. Xunto ao Valladolid, ambos son os conxuntos que máis goles reciben de todo o campionato. O seu principal problema está nos encontros que xoga como visitante, catro derrotas. Como local empatou tres dos catro partidos que xogou, incluída unha igualada contra o Real Madrid.